Pensamento e Sementeira guía unha nova ruta polos Montes do Buio

O colectivo cultural Pensamento e Sementeira convida á veciñanza a participar este domingo, 15 de xuño, nun camiño polos Montes do Buio, un dos espazos naturais menos coñecidos e máis sorprendentes do concello de Viveiro. A actividade ten como obxectivo divulgar o valor ecolóxico e cultural desta zona e estará guiada polo especialista Boris Vilar.
A ruta, de 10 quilómetros e dificultade media, discorrerá entre turbeiras, brañas e zonas húmidas de gran valor ambiental. Alí, as persoas participantes poderán observar especies de fauna e flora características destes ecosistemas e coñecer a relación histórica entre a paisaxe e os usos tradicionais do territorio. A andaina comezará ás 10:00 horas e está previsto que remate arredor das 13:30. O punto de encontro será o Curro do Candaoso.
A actividade está aberta ao público xeral, cun prezo de 10 euros por persoa adulta, 7 euros para persoas socias de Pensamento e Sementeira e 5 euros para nenos e nenas. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.
Desde a organización destacan que este tipo de iniciativas permiten poñer en valor “espazos naturais pouco transitados pero cunha riqueza paisaxística, histórica e ecolóxica extraordinaria”. Tamén subliñan que o camiño é unha oportunidade para promover o lecer sustentable, o respecto polo medio ambiente e o coñecemento do patrimonio local.