Pelayo Fernández renuncia como organizador de Naseiro 2025 pola falta de apoio económico do Concello

O presidente da comisión de festas Amigos de Naseiro, Pelayo Fernández, anunciou a súa dimisión como organizador da edición de 2025, alegando a falta de apoio económico por parte do Concello, que a día 15 de febreiro aínda non achegou o 15 % do financiamento comprometido.
Fernández lembra que, cando asumiu o cargo o pasado ano, xa deixou claro que a súa intención non era permanecer de forma indefinida, senón introducir melloras e facilitar un modelo de organización sostible para o futuro. O acordo co Concello estipulaba que este cubriría un 15 % do custo total da festa, mentres que a comisión asumiría o 85 % restante. A pesar das dificultades, grazas á colaboración veciñal, a comisión logrou reunir ata o 90 %.
Unha vez rematada a edición de 2024, reuníronse con técnicos de Augas de Galicia e Medio Ambiente para planificar Naseiro 2025 e expuxeron unha serie de melloras necesarias, como a instalación dunha fosa séptica para evitar vertidos ao río, a dotación de baños públicos na zona ou a recuperación da baixada ao río. Os proxectos foron ben recibidos e abriron a porta a ser implementados dentro do marco legal.
Porén, os prazos fóronse dilatando e o Concello, que levaba meses asegurando que solucionaría o pagamento da súa parte, non cumpriu. “Dixéronnos que se arranxaría en setembro, logo outubro, novembro, decembro, xaneiro… e seguimos igual. Sen ese 15 %, non temos recursos para facer absolutamente nada”, explica Fernández, que lamenta que esta situación impida avanzar cos preparativos.
Finalmente, recalca que a súa decisión non busca sinalar culpables, senón expoñer unha realidade que lle impide continuar á fronte da organización. Aínda así, comprométese a colaborar con quen decida asumir o reto de manter viva a romaría.