Pedro Blanco salientou o peso económico e social do sector cultural galego grazas ao Bono Xove

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Máis de 59.600 mozos e mozas galegos beneficiáronse xa dun programa que impulsa a cultura e o comercio local
Foz-presentacion-Bono-Cultural-Xove-2026-2
8 Jan 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, salientou en Foz o éxito do Bono Cultural Xove, unha iniciativa do Goberno de España que desde a súa creación beneficiou a 59.619 rapaces e rapazas en Galicia. Blanco puxo en valor o impacto positivo desta medida tanto entre a mocidade como no sector cultural, durante unha visita á Librería Bahía, acompañado polo alcalde de Foz, Fran Cajoto; a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López; e a xerente do establecemento, Cielo Fernández, presidenta da Federación de Librarías de Galicia.

Segundo explicou, o Goberno de España investiu en 2025 un total de 6,6 millóns de euros en Galicia a través deste programa, alcanzando os 23,8 millóns desde a súa posta en marcha. Un esforzo económico que, tal e como indicou, repercute directamente no comercio local e nas pemes vinculadas á cultura, ao tempo que reforza ámbitos como a creación audiovisual, literaria ou artística.

No último ano, preto de 16.500 mozos e mozas galegos accederon ao Bono Cultural, dos cales 1.551 corresponden á provincia de Lugo. Pedro Blanco subliñou que iniciativas como esta contribúen a espertar e consolidar o interese da mocidade pola cultura, un sector que definiu como “un auténtico motor económico para Galicia, máis alá do seu valor social e artístico”. Nese contexto, puxo o foco no ámbito literario, acompañado pola presidenta da Federación de Librarías.

A nivel estatal, o Bono Cultural foi solicitado este ano por 366.443 mozos que cumpren os 18 anos, superando os datos da edición anterior. En catro edicións, o programa suma xa máis de 1,3 millóns de beneficiarios en toda España.

De cara a 2026, o Ministerio de Cultura estuda ampliar os usos do Bono para incluír a creación e a formación cultural, facilitando a adquisición de instrumentos, material artístico e o acceso a cursos e obradoiros, ademais de mellorar a súa accesibilidade entre a poboación máis vulnerable.

⚙ Configurar cookies
0.069181203842163