Pedro Blanco destaca o labor do centro de acollida de Burela

AMariñaXa
O delegado do Goberno en Galicia puido coñecer de primeira man as necesidades das persoas que viven alí
BURELA-PEDRO-BLANCO
3 Jan 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visita o centro de acollida burelés, xunto á alcaldesa, Carmela López. Así, puido coñecer de primeira man as necesidades das persoas que viven alí e dos profesionais da ONG Rescate que os atenden. Destacou a colaboración dos Concellos para que as persoas migrantes acaden a plena inclusión na Comunidade.

Pedro Blanco agradeceu tanto á rexedora como ao persoal humanitario a súa resposta, “á altura dunha emerxencia humanitaria como a que vive España, que permite enchernos de orgullo ao comprobar que vivimos nun país acolledor e cheo de empatía”. O delegado desprazouse a Burela, ao igual que fixera antes en Valga e Santiago de Compostela, entre outros municipios de acollida, para supervisar a correcta situación destas persoas.

“A acollida das persoas migrantres non sería posible sen unha estreita colaboración institucional”, salientou o delegado, quen fixo fincapé no importante labor que realizan tanto os diferentes concellos de acollida galegos como a Xunta de Galicia. “Traballando unidas, todas as administracións dotan de oportunidades para lograr un futuro próspero ás persoas migrantes que chegan a Galicia, garantindo a súa inclusión social”, indicou o delegado.

Así mesmo, lembrou que a meirande parte destas persoas foxen das guerras existentes nos seus países de orixe ou dos cambios no clima que dificultan a vida nas súas terras. “Con exemplos como o de Burela queda claro que Galicia e toda España, como país acolledor e integrador, están dando resposta a través das súas diferentes institucións”, subliñou Pedro Blanco desde o centro de acollida mariñao.

Centros como o de Burela teñen como obxectivo prestar aloxamento, manutención e asistencia psicosocial urxente e primaria, así como outros servizos sociais encamiñados a facilitar a convivencia e integrar na comunidade ás persoas migrantes.

 

0.16610598564148