Patricia Otero acusa ao PP de mentir sobre as concesións estatais de buses

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Asegura que a renovación acurtará as viaxes e rebaixará os prezos
patricia-otero-psoe
7 Dec 2024

“O Partido Popular da provincia de Lugo, unha vez máis mentindo, enganando e creando falsas alarmas”. A secretaria de Transportes e Mobilidade Sostible do PSdeG, Patricia Otero, advertiu con esas palabras da estrataxia do PP para agochar as eivas do plan de transporte público da Xunta tratando de desviar a atención sobre un servizo que “leva anos sen funcionar, sen dar resposta ás necesidades de mobilidade dos galegos e das galegas”.

A tamén deputada socialista no Congreso explicou: “O que é verdade é que a renovación do mapa concesional estatal permitirá ter autobuses que cheguen no menor tempo ao punto de destino, e tamén permitirá que os prezos dos billetes baixen”. Por iso, lamentou que a Xunta, cando o ministerio lle está a ofrecer a posibilidade de participar na reformulación do mapa concesional do transporte de viaxeiros por estrada, “non quere, e ademais renuncia aos cartos que o Goberno lle concede para mellorar os servizos de proximidade”.

O transporte interurbano, que é competencia da Administración autonómica, e que é “o que máis lles interesa aos veciños e veciñas”, debe facilitar ás persoas que residen nos concellos máis rurais acceder “nun tempo axeitado” ás cidades e cabeceiras comarcais, sinalou Otero. “Por exemplo, na nosa provincia, que os veciños e veciñas de Cervantes poidan chegar á capital, a Lugo, cuns horarios que lles permitan acudir ao hospital ou facer compras”, dixo.

“O que lle pedimos á Xunta de Galicia é que se sente co Goberno do Estado para aproveitar eses cartos para mellorar os servizos de proximidade, que, como vemos, non están a funcionar”, demandou a secretaria socialista de Transportes.

0.16591191291809