Paixón por ensinar

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
O pupitre é a sección do mestre Julio Díaz no que trata os temas de actualidade no ámbito educativo cun toque persoal
julio diaz foto colaborador lugo
12 Feb 2023

Por Julio Díaz

A paixón (do verbo latino “patior” que significa sufrir ou sentir) é unha emoción definida como un sentimento moi forte cara a unha persoa, tema, idea ou obxecto. Así, a paixón, é unha relación intensa que engloba o entusiasmo e o desexo por algo. Esta é unha definición que dela fai a Wikipedia, pero a paixón no ensino é algo máis.
Os procesos educativos son cambiantes, dinámicos e deben ser variados cada día. Nos, os docentes, non podemos nin debemos movernos exclusivamente no ámbito do cotián e rutineiro. De feito, é de todo necesario adaptarnos ás novas necesidades e ferramentas que pouco a pouco van xurdindo. Pero así e todo con isto non chega porque o realmente importante é traballar con paixón o discurso, optimizando deste xeito o máximo os procesos e estratexias.

As persoas que nos dedicamos a ensinar temos nas nosas mans unha das profesións máis cativadoras e enriquecedoras do mundo, pero ocorre que, os múltiples atrancos que habitualmente nos atopamos no noso traballo diario acaban minando o noso entusiasmo. Pero contra isto temos a nosa paixón, o combustible que pon en marcha a motivación daquilo que de verdade queremos realizar. Todas as persoas que transmitimos coñecementos, construímos valores e desenvolvemos personalidades, realmente vivimos intensamente este crecemento dos nosos alumnos. Todo isto conséguese expondo constantemente retos e desafíos, con toda a problemática que isto conleva, pero a recompensa sempre merece a pena. A vocación é a base que precisamos todos os que queremos dedicar a nosa vida á nobre tarefa de educar. O exercicio do maxisterio é un modo de darse, de entregarse aos demais e, por iso mesmo, é un dos camiños máis dignos que ten o ser humano para acadar a felicidade tanto no pasado como no presente.

O docente é un ser humano e non un mero transmisor de coñecemento; é unha persoa que a cotío ten que estar a discernir entre o que debe comunicar e o que non procede, tendo sempre como referente o ben dos seus rapaces. O vínculo educativo esixe, por parte do docente, vontade e capacidade de comunicar, sempre dun xeito adecuado, tendo en conta os intereses dos seus alumnos, a súa linguaxe, o seu mundo, pero esixe ademais, por parte destes, vontade de aprender e capacidade para elo. O noso obxectivo esencial será espertar e avivar o seu desexo de aprender, meta, por certo, nada doada de acadar.

Non se nace docente, o docente faise, constrúese na medida en que comunica unha e outra vez o aprendido, pero cada repetición é distinta, inclúe novas estratexias e elementos, de tal maneira que a repetición non é unha simple reiteración do mesmo, nin un círculo vicioso que volve unha e outra vez sobre si mesmo dun xeito inquebrantable. O docente debe adaptar sempre o seu discurso ao público que ten diante, ese é o éxito. A miña preocupación como docente polo tanto sempre foi a mesma: “CONTACTAR” , sí, con maiúsculas, facer un todo da aula, evitar que nada se interpoña entre o que quero comunicar e o que debe recibir o receptor.
Como cada docente posúe o seu propio estilo educativo, os alumnos, ao longo da súa formación, reciben estes diferentes e variados estilos de tal maneira que esta pluralidade é educativa por si mesma. Evidentemente, as comparacións entre os rapaces son inevitables, pero a riqueza dunha comunidade educativa está precisamente nesta pluralidade de talentos e métodos que conviven nela, tendo sempre en conta que a humildade e a confianza son os valores esenciais para que flúa toda acción educativa.

0.18087387084961