Paco Salgueiro visibiliza a Feira das Maulas 2002 nunha nova montaxe audiovisual
Paco Salgueiro vén de facer unha nova montaxe, de 20 minutos, sobrea Feira das Maulas 2002 para lembrala e visibilizala en redes sociais , pois “contou con moito esforzo de veciños e colaboradores”, dixo.
A edición da centenaria Feira das Maulas de maio do 2002, na parroquia de Galdo en Viveiro, estivo marcada por un interesante contido cultural que a fixo diferente a todas as anteriores, e cuxo impacto non foi superado por ningunha das posteriores.
Así, a comisión de festas creou para a ocasión unha revista e fíxose unha exposición de fotografías antigas, cun único propósito, achegar a historia de Galdo aos seus veciños.
“Nas Maulas 2002 contouse coa participación de Bágoas da Terra e dos Maios de Viveiro, para animar os coñecidos actos tradicionais de cada ano, o mercado gandeiro, as carreiras de cabalos, sesión vermú e verbena, partido de fútbol e misa con procesión”, engade Salgueiro.
Para a montaxe, Salgueiro dixitalizou a revista editada pola comisión así como todas as fotos da exposición e reuniu nunha entrevista a catro dos cinco membros da comisión que levaron a cabo esta proeza.
A comisión de festas dese ano estaba formada por Lida, Mª Luz, Vicente, Loiso e Ramón, e ademais contaron coa colaboración de dous destacados historiadores, Enrique Cal Pardo, orixinario de Galdo, e Carlos Nuevo Cal.
“Estes cinco membros lograron editar unha revista cunha breve historia de Galdo, cunha tirada próxima ao medio milleiro de exemplares, que repartiron entre todos os veciños e quedaron escasos ante a numerosa demanda”, di Salgueiro.
“Quero tambien lembrar a José Manuel Moreno Moreno, coordinador no seu momento da exposición fotográfica, xa que o vindeiro 26 de xullo o cabodeano do seu falecemento”, remata dicindo.
Esta montaxe estará colgada nas redes sociais de Paco Salgueiro a partir do día 26 de xullo.