Pablo Seoane presenta en Xove o seu novo libro
A Asociación Cultural Saíñas de Xove acollerá o vindeiro domingo 27 de marzo, ás 12 da mañá, no salón de actos do Centro Cívico de Xove, a presentación do libro O toque pechado de Pablo Seoane.
Oriúndo de Cacheiras, no concello de Teo, Pablo Seoane é un prestixioso gaiteiro cunha ampla experiencia como músico e docente, e na actualidade, é o delegado de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient. Neste libro, o autor desvela os misterios do toque pechado e con el preténdese axudar a calquera que toque a gaita e que se propoña aprender ou mellorar no toque pechado, a través dunha escolma de exercicios e de máis de 150 partituras de diferentes niveis de dificultade.
Ao remate da presentación, o autor deleitará ao público cunha pequena actuación demostrativa.