Outro dos imprescindibles
Por Pablo Veiga
Desde que a un servidor lle deron a oportunidade de colaborar co xornal Terrachaxá, tanto nos primeiros cen artigos, recompilados na publicación ‘En Cincuenta Mil Palabras’, como na columna actual, Coa Nosa Voz, gabouse o bo facer e a traxectoria de cregos que amosaron un compromiso e unha implicación considerables co propio, cunha realidade moitas veces difícil e complicada para a xente que lle tocaba vivila, e por suposto coa lingua e cultura galegas. Estes homes merecían cumprido recoñecemento, xa que en contornas e épocas hostís, eles deron a cara polos demais, loitando contra as inxustizas e as causas que as provocaban. En múltiples ocasións foron incomprendidos e incluso nalgúns casos desprestixiados e obxecto dunha forte crítica. Curas que rompían moldes nun clero que adoitaba cinguirse ás consignas que viñan ditadas polas altas esferas, sen saír do rego e sen cuestionamentos. Exemplos como os chairegos Xosé Manuel Carballo, o cura que facía maxia, Bernardo García Cendán, dunha talla intelectual impresionante, Jesús Rodríguez, que saíu de Donalbai para Chile, país onde desenvolveu o seu ministerio –falecido hai uns meses-, Chao Rego, ou Alfonso Blanco, do que non fai falta dicir nada e afortunadamente aínda se atopa con nosoutros.
E outra figura á que lle outorgamos a categoría de imprescindible, xunto a tódolos anteriormente citados, é Xesús Mato. Foi en pleno Entroido do presente ano cando se produciu o seu pasamento. Natural de Paradela, ao seu labor pastoral súmanselle outros méritos dignos de comentar e salientar. No ámbito social, destacou por ser un dos impulsores na cidade de Lugo de Auxilia, unha asociación que loita a prol dos dereitos das persoas con discapacidade. Máis valor cabe aínda darlle porque ese feito aconteceu durante os anos setenta, cando homes e mulleres queixados de minusvalías apenas tiñan máis vida alén das fronteiras do entorno familiar.
A raíz da súa obra neste eido, empezouse a visualizar a realidade dun colectivo totalmente esquecido e escondido do resto da sociedade. E en segundo termo, o padre Mato será lembrado neste País pola súa faceta musical e pola participación como fundador de Fuxan Os Ventos, tamén na década dos setenta, un grupo que contribuíu a revivir a música galega, utilizando as letras cunha marcadísima significación social.
Son moitas máis virtudes a destacar deste home ao longo dos seus noventa e un anos de vida. Non se debe esquecer o seu traballo como profesor e escritor. E como non, o valor que se lle debe dar pola súa obra na emisión de misas en galego desde Radio Popular de Lugo. A Igrexa e a Lingua en Galicia, unha relación que dá moito para falar.
Todo o mencionado e moito máis forma parte do haber deste home, que pertence tamén ao grupo dos bos e xenerosos. Afortunadamente, en vida foi obxecto de homenaxes, premios e recoñecementos, todos eles máis que merecidos. A partir de agora, corresponderanos traballar para que non se esqueza o seu legado e que a súa memoria perdure nos anos vindeiros.