Xustas reivindicacións

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
19 Xan 2024

Por Pablo Veiga

Nas últimas semanas estamos a ver accións de protesta protagonizadas polas traballadoras da limpeza. Si, en feminino, xa que a práctica totalidade deste sector está composto por mulleres, ao igual que moitos outros, como por exemplo a axuda no fogar que se presta desde os concellos ás persoas dependentes, e do que temos falado nesta mesma columna.

Aínda coa prudencia que cómpre manter cando se aborda calquera tema, si estamos en condicións de mostrar certa perplexidade ao escoitarmos que os honorarios destas asalariadas atópanse por debaixo do salario mínimo interprofesional. Un entendía que calquera traballador por conta allea nunca podería cobrar menos do estipulado polo goberno. Pois semella que existe algunha excepción. En segundo termo, o que resulta un clásico, o colectivo é dos peores pagados en comparación con outras comunidades autónomas. Que raro, verdade?... E para continuar coa serie de despropósitos, a oferta que lles presenta a patronal de ámbito estatal, Aspel, segundo as forzas sindicais, ridícula e miserenta, xa que esa subida para os vindeiros anos non compensa a perda de poder adquisitivo do colectivo. Lembremos que o incremento do índice de prezos ao consumo (I.P.C.) foi de case un seis por cento en dous mil vinte e dous e entorno ao catro no dous mil vinte e tres. En consecuencia, a folga que comezou a mediados de outubro segue sen ser desconvocada. Asistimos a manifestacións, peches en edificios públicos e outras medidas de presión que non están tendo o efecto desexado, co prexuízo que iso supón, sobre todo, para as implicadas nesta loita, ademais da lóxica repercusión na cidadanía.

Estas xustas reivindicacións serven, por se cabía algunha dúbida, para que o conxunto da sociedade se dea conta do que significa o traballo que desenvolven certas ocupacións. Este é un claro exemplo; os centros de saúde, ambulatorios e hospitais, residencias de maiores, colexios, oficinas das distintas administracións, comunidades de veciños e ata moitos outros locais onde se leve a cabo calquera actividade que precisan dunhas condicións de hixiene para que as funcións que nelas se realicen podan desenvolverse con normalidade son limpados por estas mulleres que protestan. E lamentablemente, en xeral, non somos quen de por en valor ese labor profesional e todo o esforzo que se atopa detrás. Minimizamos ou incluso menosprezamos algo que cando non o temos, entón si que botamos as mans á cabeza. E neste caso, en numerosas ocasións alúdese á feminización deste grupo e á súa baixa cualificación para non empatizar coas súas precarias condicións laborais. Parece como se o feito de ser muller e que o traballo non requira de titulación académica, sexa motivo para perpetuar unha situación que noutras moitas circunstancias non se toleraría.

Polo tanto, sen desconsiderar outras reivindicacións, estamos diante dun considerable número de mulleres –si, de mulleres- que exercen os seus dereitos como empregadas, buscando deixar atrás unha estigmatización negativa e demandando unhas melloras nos seus salarios que son xustas e que deben ser atendidas por quen corresponda. Tense unha débeda pendente con elas e cómpre saldala dunha vez por todas.

0.082880020141602