Ourol pon en marcha o Campamento de Nadal 2024 para facilitar a conciliación das familias

O Concello de Ourol volve apostar pola conciliación e o lecer educativo coa organización dunha nova edición do Campamento de Nadal, unha proposta dirixida a nenas e nenos de entre 4 e 12 anos empadroados no municipio. A iniciativa celebrarase entre o 22 de decembro e o 2 de xaneiro —ao longo de oito días— en horario de 10:30 a 13:30 horas no Pavillón Polideportivo municipal.
Co obxectivo de facilitar a organización das familias durante as vacacións escolares, o Concello ofrecerá tamén un servizo de conciliación ampliado, dispoñible de 8:30 a 14:00 horas para aqueles fogares que poidan xustificar a súa necesidade.
O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 10 e o 17 de decembro. A documentación necesaria para realizar o trámite poderá consultarse e descargarse no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica do Concello.
Para resolver dúbidas ou recibir apoio no proceso de inscrición, as persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais, tanto de maneira presencial como a través dos teléfonos 982 559 109 e 677 489 457.