Ourol denuncia unha situación “insostible” pola falta de atención médica

O alcalde de Ourol, o socialista José Luis Pajón, volveu alzar a voz para denunciar o que considera unha situación “absolutamente insostible” no municipio pola falta de cobertura médica estable e polos continuos atrasos na atención sanitaria. Segundo o rexedor, a primeira cita dispoñible no centro de saúde non se ofrece ata o 17 de decembro, o que implica máis de vinte días de espera para unha consulta ordinaria. “É inconcibible e profundamente inxusto deixar sen médico un concello envellecido como Ourol, cunha idade media de 63 anos”, lamenta.
O problema agravouse desde a xubilación da médica titular o pasado mes de agosto. Dende entón, o centro de saúde non conta cun facultativo fixo e a atención redúcese a apenas catro horas ao día, sen servizo de urxencias nin visitas a domicilio e sen garantía de dispoñibilidade diaria. Ademais, cada xornada atende un profesional distinto —un grupo de tres facultativos que rotan—, o que obriga ás persoas usuarias a explicar de novo a súa situación clínica en cada consulta. “Nun municipio maioritariamente maior, isto fai inviable garantir unha atención digna”, critica Pajón.
Esta carencia está a provocar que moitas persoas se vexan obrigadas a buscar asistencia fóra de Ourol. O alcalde relata que hai veciños que acoden directamente ao Hospital da Mariña sen derivación porque non atopan alternativa local, e que mesmo reciben reproches por presentarse sen indicación do médico de cabeceira. “Vas ao centro de saúde e non hai médico. Vas a urxencias e non te atenden. Vas a Burela e aínda che botan a bronca. É inadmisible”, asegura.
Ao mesmo tempo, comeza a observarse outro efecto colateral: veciños que solicitan ser dados de alta no centro de saúde de Muras para poder ter un médico asignado e acceso a cita. Esa decisión implica que as súas tarxetas sanitarias deixan de computar en Ourol, reducindo o número oficial de pacientes do concello e dificultando que a Xunta considere prioritario reforzar o servizo. “Perdemos tarxetas e, con iso, perdemos forza para reclamar. É un círculo vicioso que nos prexudica cada vez máis”, advirte o alcalde.
Pajón esixe á Xunta e ao Sergas unha resposta inmediata que restitúa un médico a tempo completo, con atención diaria, cobertura de urxencias e visitas a domicilio, e que poña fin a unha situación que cualifica de “insostible, inxustificada e profundamente discriminatoria para a nosa veciñanza”.