Ourol celebra o Encontro de Maiores cun xantar e música en directo o 30 de novembro

AMariñaXa
O evento, dirixido a veciños e veciñas maiores de 55 anos, terá lugar no restaurante Louzao de Viveiro e contará cun sorteo sorpresa
casa-do-concello-ourol
12 Nov 2025

O Concello de Ourol organiza unha nova edición do seu tradicional Encontro de Maiores, unha cita pensada para promover a convivencia e o lecer entre as persoas de máis de 55 anos empadroadas no municipio. A actividade celebrarase o domingo 30 de novembro no Restaurante Louzao de Viveiro, a partir das 14:00 horas, e incluirá unha comida de confraternidade, música en directo e un sorteo sorpresa para todos os asistentes.

Desde o departamento de Servizos Sociais explican que este encontro é “unha forma de recoñecer o papel que as persoas maiores seguen a desempeñar no día a día da comunidade, ofrecéndolles unha xornada de convivencia, alegría e compañía”. Ademais, sinalan que se trata dun evento moi agardado, “porque moitos aproveitan para reencontrarse con amizades e compartir recordos”.

A participación é gratuíta para as persoas empadroadas en Ourol que cumpran o requisito de idade. No caso dos cónxuxes non empadroados, poderán asistir abonando o importe da entrada, do mesmo xeito que aquelas persoas empadroadas que non teñan 55 anos pero desexen acompañar ás súas parellas. As persoas dependentes poderán acudir acompañadas dun coidador ou acompañante.

As entradas deberán recollerse nas dependencias municipais, no Departamento de Servizos Sociais, antes do 27 de novembro de 2025, data límite para anotarse. O Concello lembra que as prazas son limitadas e anima a facer a reserva con antelación.

Para máis información ou inscricións, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982 55 91 09 ou 677 48 94 57.

⚙ Configurar cookies
0.073428869247437