Ourol aproba definitivamente o orzamento municipal para 2026 por 1,97 millóns de euros

AMariñaXa
As contas priorizan o gasto en persoal, os servizos básicos e o mantemento da estrutura municipal
casa-do-concello-ourol
29 Jan 2026

O Concello de Ourol contará en 2026 cun orzamento xeral de 1.970.000 euros, unha vez que o Pleno municipal aprobou de forma definitiva as contas ao non rexistrarse alegacións durante o período de exposición pública. O acordo fora adoptado nunha sesión extraordinaria celebrada o pasado 23 de decembro de 2025.

O documento económico reflicte un peso moi significativo das operacións correntes, que concentran a maior parte dos recursos municipais. En concreto, os gastos de persoal superan os 1,16 millóns de euros, mentres que o capítulo destinado a bens correntes e servizos alcanza máis de 615.000 euros, consolidando así o funcionamento ordinario da administración local e a prestación dos servizos á veciñanza.

No apartado de investimentos reais resérvanse algo máis de 135.000 euros, unha cantidade que permitirá acometer actuacións de mantemento e mellora das infraestruturas municipais. O orzamento non contempla gastos financeiros nin pasivos, mantendo unha estrutura económica sen endebedamento.

Polo lado dos ingresos, o Concello susténtase principalmente nos impostos directos, que achegan preto dun millón de euros, así como nas transferencias correntes procedentes doutras administracións, que superan os 670.000 euros. As taxas e outros ingresos completan o financiamento das contas municipais.

Xunto coa aprobación definitiva do orzamento, o Pleno deu luz verde tamén á plantilla de persoal da Corporación, que inclúe funcionarios de carreira, persoal laboral fixo e temporal, así como os postos vinculados aos servizos sociais, culturais, técnicos e de mantemento. Destaca especialmente o número de profesionais dedicados á axuda a domicilio, un servizo clave nun concello cunha poboación avellentada.

Desde o Concello sublíñase que estas contas buscan garantir a estabilidade económica da entidade, asegurar a continuidade dos servizos públicos e responder ás necesidades básicas da poboación ao longo do exercicio 2026.

⚙ Configurar cookies
0.080427885055542