Ourol acollerá un curso de primeiros auxilios aberto á veciñanza

AMariñaXa
A iniciativa, organizada polo Concello en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, celebrarase o 10 de febreiro no Edificio Multiúsos
formación-primeiros-auxilios-Sarria
30 Jan 2026

O Concello de Ourol impulsa unha nova acción formativa dirixida á poboación coa organización dun curso de primeiros auxilios, que se desenvolverá o vindeiro 10 de febreiro ás 16:30 horas no Edificio Multiúsos municipal. A actividade realízase en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns e ten como obxectivo achegar coñecementos básicos e útiles para actuar ante situacións de emerxencia.

Este curso pretende dotar ás persoas participantes de ferramentas prácticas para responder de maneira axeitada ante accidentes ou incidencias que poidan producirse no ámbito doméstico, laboral ou na vía pública, reforzando así a prevención e a seguridade da comunidade.

Desde o Concello destacan a importancia deste tipo de formacións, que contribúen a mellorar a capacidade de reacción da cidadanía ante situacións imprevistas e fomentan hábitos de coidado e protección da saúde.

As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición a través do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ourol, ben de maneira telefónica nos números 982 559 109 ou 677 489 457, ou mediante a páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, onde tamén se ofrece información detallada sobre o curso.

⚙ Configurar cookies
0.077010869979858