Ouro para os meles de Alfoz
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presidiu onte a entrega de premios da XXIII cata dos queixos e da XIX cata dos meles de Galicia, onde destacou o prestixio da gastronomía galega en xeral e o dos queixos e meles en particular grazas á calidade das materias primas e do inmensurable esforzo do sector, nun ano atípico no que quedou claro que o medio rural é imprescindible.
Así, o titular de Medio Rural puxo en valor dúas das producións máis senlleiras do agro galego, resaltando que “estes produtos gardan neles a calidade que define a Galicia, que son mostra da nosa excepcionalidade”. Neste senso, sinalou que o reforzo desa calidade está asegurado a través da Estratexia de dinamización do sector lácteo. Este plan monográfico toma en consideración a produción de elaborados lácteos como o queixo, que reflexa a aposta do Goberno galego pola mellora e a promoción da calidade dos produtos lácteos galegos.
Así, felicitou ás 29 industrias queixeiras e 25 industrias de mel que participaron nesta edición e gabou a profesionalidade destes sectores que, nun ano atípico, souberon saír adiante e fortalecer o prestixio da gastronomía galega.
Entre os gañadores da categoría do mel descatan veciños da comarca, que acadaron as dúas medallas de ouro que se concederon, entre outras.
Catas a cegas
Un total de 86 mostras participaron na XXIII cata dos queixos e na XIX cata dos meles de Galicia, organizada pola Consellería do Medio Rural e os consellos reguladores das denominacións de orixe protexida (DOP) San Simón da Costa, Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, Cebreiro e da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia.
Nesta vixésimo terceira edición, optaron a galardón 29 industrias queixeiras, cun número de mostras que se distribuíron da seguinte forma: 20 queixos inscritos da DOP Queixo Tetilla; 15 queixos na categoría DOP Arzúa-Ulloa e 5 queixos que competiron como Arzúa-Ulloa curado; 7 pertencentes á DOP San Simón da Costa e 2 queixerías na categoría de queixo fresco da DOP Cebreiro. No caso dos meles, 25 industrias proveron 17 meles para concursar na categoría A, de meles monoflorais, e outros 20 para a categoría B, correspondente a meles multiflorais.
Os paneis de cata estiveron formados por profesionais experimentados vencellados ao ámbito da gastronomía, da hostalería, da comunicación e do sector agroalimentario. Eles foron os encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa as mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras que foron reveladas.