Otero pedirá no Parlamento a implicación da Xunta para que Altri se instale na Mariña

AMariñaXa
Otero pedirá no Parlamento a implicación da Xunta para que Altri se instale na Mariña, daría emprego directo a 2.000 persoas,
patricia otero parlamento
9 Feb 2022

Patricia Otero Rodríguez, Martín Seco García e Luís Álvarez Martínez, deputada e deputados pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia,presentarán hoxe no Parlamento unha iniciativa para acadas a implantación da fábrica textil Altri na Mariña lucense.

"A principios de outubro do ano pasado coñeciamos que a industrial portuguesa Altri estaba a buscar un emprazamento para unha nova planta de fibra téxtil a partir de celulosa que daría emprego directo a 2.000 persoas, e que baralla a Mariña lucense como primeira opción", di Otero, "a empresa non está soa na busca dese emprazamento para a súa nova planta, xa que a Xunta de Galicia lidera o Consorcio Impulsa Galicia, que conforma a propia Xunta de Galicia (40 %), Abanca (38 %), Reganosa (12 %) e Sogama (10 %) e no que Altri sería o socio industrial e a implantación levaríase a través dos
fondos europeos Next Generation".

"Xa daquela, ante o anuncio feito por Altri de que a comarca da Mariña lucense era a primeira opción da multinacional papeleira para a súa futura planta de produción de fibras téxtiles de orixe forestal, alcaldes e alcaldesas da comarca reclamaban que se traballase e se fixese todo o esforzo para que Altri se instalase na Mariña, non só pola grave crise industrial que está a vivir esta comarca senón pola importancia que o sector forestal ten nela, na que o 69,72 % da súa superficie é masa forestal e no que se atopa a maior zona de produción de eucalipto", engade a deputada. "A Mariña lucense conta, por tanto, coa materia prima pero non ten a industria que a complemente e lle dea valor engadido. Non podemos obviar, tampouco, que o 43 % das cortas de madeira en Galicia e o 25 % de toda España céntranse no norte: Mariña lucense, Ortegal e Mariñas coruñesas".

No Debate de política xeral de 2021 o presidente da Xunta de Galicia anunciou que o Goberno galego, a través da súa representación na Sociedade Impulsa, proporá que, se é viable, a fábrica de fibras téxtiles se emprace na provincia de Lugo, pero evitando comprometer ese apoio para a comarca da Mariña. De feito "o noso grupo parlamentario propúxolle ao Grupo Parlamentario do PP unha proposta de transacción sobre a súa proposta de resolución no 7 DEA baseada no anuncio feito polo presidente da Xunta), para que se estudiase a posibilidade de que a dita planta de Altri se instalar na Mariña lucense e o Grupo Parlamentario do PP non a aceptou", di Otero.

A mediados de novembro de 2021 o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña enviaba unha carta ao vicepresidente segundo da Xunta de Galicia na que lle solicitaba unha reunión de cara a poder traballar conxuntamente na posibilidade da implantación da fábrica de fibras téxtiles da multinacional lusa Altri na Mariña, de colaborar para superar calquera escollo administrativo que dificulte a súa implantación na Comarca e ofrecer a mellor situación posible para que este proxecto se poida materializar, que se for así suporía arredor dos 2000 postos de traballo directos. A día de hoxe esa carta non obtivo resposta.

0.16506099700928