Osa do Mar reafírmase como referente musical na Mariña cun cartel con máis de vinte bandas

O festival Osa do Mar volverá converter Burela nun dos epicentros da música alternativa galega e estatal entre os días 5 e 7 de setembro. O deputado de Mocidade, Daniel García, participou este venres na presentación oficial do cartel, nun acto celebrado na nave de Produart no que tamén interviñeron Diego Campo e Marcos Gueimunde, da Asociación Fanto Fantini, entidade organizadora do evento.
Durante a súa intervención, García destacou que Osa do Mar “estivo sempre á vangarda, sendo un modelo para outros festivais que foron nacendo nos últimos anos na provincia”, e valorou de maneira especial “a implicación da organización coa vila de Burela e coas súas sinais de identidade”. Segundo dixo, “a xente vive o festival con entusiasmo e iso nótase en cada edición”.
No encontro detallouse o programa completo do festival, que reunirá unha vintena de bandas e artistas de diversos estilos procedentes tanto de Galicia como do resto do Estado. A programación estará distribuída ao longo de tres xornadas nas que a música compartirá protagonismo coa gastronomía e o ambiente familiar e participativo que caracteriza este evento.
Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organismo que colabora co festival desde a súa primeira edición, ratificouse o compromiso con esta cita musical. O propio García incidiu na importancia de apoiar “festivais que nacen do tecido asociativo local e que dan espazo a bandas galegas e emerxentes”, que ao seu ver “xogan un papel fundamental no recoñecemento e proxección actual da escena musical galega”.
Osa do Mar non só supón un reclamo cultural e turístico, senón tamén unha aposta pola creación artística e a dinamización social e económica de Burela e da Mariña luguesa.