Os veciños de Moucide denuncian a demora do Concello do Valadouro para autorizar a modificación dun camiño

A Asociación de Veciños de Moucide fixo pública a súa preocupación pola longa demora do Concello do Valadouro á hora de conceder o permiso necesario para modificar un camiño que atravesa a área recreativa e o parque infantil da parroquia. Segundo explican, levan dende o ano 2000 reclamando esta actuación, acordada pola veciñanza en asemblea coa intención de mellorar a seguridade das crianzas que utilizan o espazo público.

A creación do parque infantil —feito posible grazas á cesión dun terreo ao Concello— e a presenza dun camiño que o cruza motivaron durante décadas as peticións da asociación. A proposta recibiu finalmente luz verde no pleno do 2 de marzo de 2023, malia contar cos votos en contra do grupo do actual alcalde, quen asegurou daquela que “defendería a calquera veciño que estivese en contra”, mesmo se fose un só.
A entidade veciñal afirma que, máis dun ano despois daquela aprobación plenaria, non existe aínda permiso de obra e que as xestións para obtelo convertéronse nun auténtico labirinto administrativo. “É como buscar o formulario A-38 da Casa que Enlouquece de Astérix e Obélix”, explican, ao denunciar que —segundo lles trasladan no propio Concello— o Arquitecto Técnico remite a responsabilidade ao secretario, o secretario ao alcalde e o alcalde non ofrece unha resposta definitiva.
Os veciños sinalan que esta situación podería deberse a tres motivos. Por unha banda, apuntan a un posible interese persoal do alcalde, ao considerar que continúa aferrado á postura que expresou no pleno, algo que describen como “unha maneira moi surrealista de interpretar a democracia”. Por outra, mencionan a desidia municipal, que —din— se evidencia no “lamentable estado” do parque infantil, sobre o cal presentaron numerosas instancias sen que se levara a cabo ningunha actuación. “Se non hai parque, non hai necesidade de mover o camiño”, afirman. Finalmente, falan dun posible acto de mala fe, dado o constante traspaso de responsabilidades entre os distintos cargos municipais cada vez que solicitan información sobre o permiso.
A Asociación de Veciños de Moucide lamenta que, tras 25 anos de trámites e solicitudes, o proxecto continúe bloqueado, e pide que se resolva a autorización “sen obrigar á parroquia a esperar outros 25 anos”. A entidade achega fotografías do estado actual do parque infantil e un esbozo de como quedaría a área recreativa coa modificación do camiño, co obxectivo de informar á veciñanza do Valadouro sobre a situación.