Os usuarios da residencia de Trabada recibiron un agasallo de Nadal
A alcaldesa do Concello de Trabada, Mayra García Bermúdez, e os concelleiros Julia María Barcia e Rubén García visitaron o centro de maiores para pasar un rato coas persoas usuarias, desexarlles felices festas e obsequiarlles cun agasallo de Nadal.
En concreto, lles regalaron un xel e unha crema de mans que o concello mercou na farmacia de Trabada.
Mayra García Bermúdez destaca que “é o quinto Nadal aquí para algúns dos usuarios do centro, no que agora teñen o seu fogar”.
“A xestión deste centro está centrada nas persoas; un modelo de residencia no que se pretende que os maiores manteñan o vínculo co seu medio, cos seus familiares e amigos”, engadiu a alcaldesa.
Por outra parte, o concello recolle dende hoxe sinaturas dirixidas á Consellería de Sanidade da Xunta para amosarlle o desacordo dos veciños e veciñas “co desmantelamento da Atención Primaria en Trabada”, xa que non se obtivo resposta da carta remitida ao conselleiro demandando “que se cubra a xornada completa a praza do médico de familia xubilado recentemente” e “que se cumpra cos servizos mínimos, que non quede o centro de saúde días completos sen médico”.
“É evidente a diferencia entre a nosa aposta polos servizos públicos, como neste centro de maiores, fronte o que fai a Xunta coa sanidade aquí en Trabada”, sostén García Bermúdez.
“Temos unha poboación moi envellecida e non se pode establecer as mesmas ratios no ámbito rural que no urbano, como facemos no concello, onde por exemplo puxemos en marcha o programa de Madrugadores por só unha familia, para que ese neno estudase no colexio público de Trabada e así contribuir a manter a matrícula”, remata a alcaldesa.