“Os troyanos de Compostela"

Por Julia M.ª Dopico Vale y Piñeiro.
En 1915 o xornalista, escritor e cineasta español Alejandro Pérez Luján publicaba o libro A Casa da Troya, novela costumista que recrea a vida universitaria de Santiago de Compostela e que nos anos 80 foi considerada a obra con máis edicións en lingua castelá despois da Biblia e do Quixote; sendo editada tamén en inglés, en francés e levada ao cine polo menos en cinco ocasións.
Luján estudou Dereito en Compostela en 1886 ‒eu fíxeno cen anos despois‒ e coñecía de primeira man aqueles ambientes dos que eu tamén puiden recibir reminiscencias, mantendo recordos como o do restaurante O Asasino ‒cuxo nome se debe a un “incidente” cunha galiña‒, onde comeron, entre outras personalidades, Lorca, Unamuno ou Machado e tamén eu, acompañada por O último Bardo Galego, poeta que vivía en Bertamiráns e do que na facultade de Dereito se conserva un fresco que o retrata tal e como permanece nítido na miña memoria: sombreiro, capa española e maletín cheo de poemas e escritos.
O caso é que en 1986 era habitual que as tunas acompañasen coa súa música compostelá a base de bandurrias, mandolinas, laúdes e guitarras, interpretando cancións como Fonseca ou A Compostelana, que se integraban de maneira espontánea e natural na vida de todos. Nos tempos de Luján isto debía ser aínda máis intenso, pois coincidía cos albores de tantas cousas en Galicia.
Hoxe todo é diferente; pero existe un grupo de veteranos, os Troyanos de Compostela, vinculados ao Museo Casa da Troia, que seguen a investigar, promover e divulgar cancións e instrumentos recollidos no CD Viva Galicia. A música no tempo da Casa da Troia. A pasada semana actuaron na Peregrina para levar o seu labor tamén ás parroquias.
Un traballo encomiable que contribúe a perpetuar a música que forma parte da nosa historia. Parabéns!