Os tres partidos reaccionan ante os resultados das enquisas do CIS

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Os diferentes candidatos á Presidencia da Xunta de Galicia con representación no Parlamento Galego mostraron as súas impresións con respecto a enquisa preelectoral publicada polo CIS.
26 Xan 2024

Os diferentes candidatos á Presidencia da Xunta de Galicia con representación no Parlamento Galego mostraron as súas impresións con respecto a enquisa preelectoral publicada polo CIS.

PP

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alfonso Rueda, minimizou a relevancia do prognóstico da enquisa preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), suxeriu que "esperaba" que coincidise coa "mensaxe" que interesa ao PSOE e ao Goberno que dirixe Pedro Sánchez, e concluíu que non se "fía" da sondaxe.

Para Rueda xa estaba claro que a mensaxe do CIS ía coincidir " coa mensaxe que está a lanzar o PSOE e en xeral as forzas da oposición", polo que non dá por certa esta posible perda da maioría absoluta e insistiu en que vai facer "todo o posible" para ter a confianza maioritaria dos galegos.

BNG

O director de campaña do BNG, Rubén Cela, considera que a enquisa publicada polo CIS este xoves confirma que “hai partido” de cara ás eleccións do 18-F e que estes comicios son “os máis abertos das últimas décadas”.

Cela asegura ademais que a enquisa corrobora que, tal e como mantén o Bloque dende hai meses, o Partido Popular “está claramente á baixa e pode perder a maioría absoluta” porque “hoxe hai moitos máis galegos e galegas que prefiren un cambio político que o continuismo do PP”.

Como terceira conclusión da sondaxe do Centro de Investigacións Sociais, o dirixente nacionalista apunta á confirmación de que o BNG é a forza política que máis sobe e a que lle está a disputar a maioría ao PP. “Ana Pontón é a candidata mellor valorada e está en disposición de disputarlle a presidencia do goberno a Alfonso Rueda e converterse na primeira presidenta da historia da Xunta”, subliña.

En calquera caso, remarca que aínda quedan tres intensas semanas por diante antes da celebración dos comicios, un tempo no que está convencido de que se van agudizar as tendencias que sinala o CIS: “O BNG á alza e o PP á baixa”.

“Hai un movemento de fondo de cambio que xa é imparábel, pero é certo que a única enquisa válida e o día das eleccións”, agregou.

De aí a súa chamada á mobilización e á concentración do voto do cambio no BNG, a única forza en disposición de disputarlle a presidencia da Xunta a Rueda e liderar a alternativa ao PP. “Todas as persoas que queremos cambio, temos que ir votar. Nin un só voto de cambio pode ficar na casa”, advertiu o director de campaña do BNG.

PSOE

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou hoxe que os datos ofrecidos polo CIS anticipan que “non cabe dúbida de que haberá cambio de goberno na Xunta e de que a cidadanía nos escollerá para liderar o cambio seguro”.

O líder socialista fixo esta valoración logo de coñecer os resultados do sondeo preelectoral que, engadiu, “constata dúas realidades, que o PP perde a maioría e que o PSdeG está en claro avance e en plena remontada”.

0.11189198493958