Os tres concelleiros do BNG de Ribadeo tomaron posesión

AMariñaXa
Os tres concelleiros do BNG de Ribadeo tomaron posesión despois de que os tres electos renunciaran antes da toma de posesión
toma de posesión bNG ribadeo 2023
12 Xul 2023

Este martes 11 de xullo tomaron posesión como concelleiros do BNG de Ribadeo, Marcos Villamil Martínez, Martín Graña Pérez e Raquel Ferreira Álvarez. Confórmase así un grupo municipal nacionalista no que se combina a experiencia acumulada de varios mandatos de Pablo Vizoso Galdo, Vicente Castro Reigosa e Marcos Villamil, coa forza propia da mocidade, e experiencia nos seus respectivos campos, de Martín Graña e Raquel Ferreira.

"Desde xa van poder comezar a traballar polo concello de Ribadeo desde o papel que nos asignou a sociedade ribadense. O BNG vai facer un intenso control da acción de goberno (sen caer na demagoxia), e ao mesmo tempo achegará propostas alternativas que sirvan para enriquecer a vida política municipal e mostren que temos unha alternativa clara e coherente para gobernar Ribadeo", dixeron.

"O noso programa electoral constaba dun conxunto de propostas coherentes e rigorosas con accións concretas e unha maneira de entender a vida política municipal que seguiremos a defender. Cada vez que o goberno municipal de Ribadeo emprenda medidas que resulten prexudiciais para Ribadeo alí estaremos para advertir das posíbeis consecuencias negativas de ditas políticas e para mostrar a nosa alternativa", engadiron.

Martín Graña Pérez é graduado en Historia e está a rematar a carreira de Dereito. Foi presidente da comisión de festas da Patroa e é secretario da comunidade de montes de Piñeira. Persoa moi coñecida e moi activa no ámbito da mocidade, ten demostrado na súa curta existencia grande capacidade de formación e traballo.

Raquel Ferreira Álvarez é enfermeira no Hospital da Costa. Coñecedora das necesidades da sanidade pública e dos servizos sociais e da falta de recursos coa que ten que afrontar o seu cometido cada día poderá achegar a súa experiencia no eido socio-sanitario á vida municipal ribadense.

0.18303298950195