Os traballadores de Vestas asinaron o acordo de despedimento

AMariñaXa
Os traballadore de Vestas recibiron na mañá de onte as cartas de despedimento nas que se lles informa dos quince días de prazo
vestas protesta fabrica viveiro
30 Dec 2021

Os traballadores de Vestas informaron na mañá de hoxe de que onte fixeron unha votación igual que os compañeiros de Alcoa no que de forma asemblearia e libre votaron o fin da loita, é dicir, asinaron un acordo para o seu despedimento.

"Hoxe é un día triste para a Mariña. Por unha banda Alcoa apaga as cubas despois dunha loita digna e moi moi longa. Polo outro, Vestas tamén viviu a súa propia xornada triste, curiosamente acabamos cunha votación igual que os compañeiros de Alcoa. Hoxe votamos de forma asemblearia e libre o fin da loita", comezou dicindo David Mariño, presidente do comité de empresa da empresa viveirense.

"O motivo é mais que obvio e moitos especulan e confabulan con dignas intrigas de películas de espías. O apoio á nosa causa é nulo a nivel institucional, desde a Xunta ata o Goberno de España apenas nos brindaron máis que unha palmadita nas costas", di David Mariño.

"Loitamos dignamente co obxectivo de atopar un comprador para Vestas Viveiro e devolver algo de traballo á Mariña pero nada... O certo é que as últimas mesas industriais mostráronnos claramente a apatía e falta de compromiso das administracións na procura de solucións e o pouco atractivo que resulta a reindustrialización da Mariña Lucense", engade o voceiro,"a nosa loita acaba porque naceu morta e isto non é culpa dos traballadores de Vestas Viveiro, é culpa dunha lexislación laboral absurdamente inxusta, que como xa vimos nas últimas noticias, apenas se disfrazou un pouco para seguir en vixencia".

"Visto o deprimente panorama e o pouco probable que sería gañar a nulidade xudicial do ERE, e mesmo gañandoa, no mellor dos casos conduciríanos a outro ERE en poucos días, por iso optamos por buscar unha conciliación previa ao xuízo", engadiu ao seu comunicado.

"Nun tempo moi curto, apenas dous días, presentouse e aceptadouse unha conciliación económica para todos os traballadores de Vestas así como opcións de xubilación para maiores de 55 anos e unhas recolocacións no centro de Viveiro que aínda estaban sen cubrir, lembremos que Vestas ofertaba 24 prazas", dixo o presidente do comité de empresa, e engadiu "queremos agradecer o apoio mostrado a veciñanza, amigos e familiares que tanto nos apoiaron".

vestas viveiro peche futuro 1
0.19781017303467