Os traballadores de Edyproga comezan unha folga indefinida tras os despidos

AMariñaXa
Desde a CIG e o colectivo de traballadores esixen que Alcoa asuma as súas responsabilidades, cumpra cos compromisos asinados e reactive os investimentos necesarios para garantir a estabilidade laboral
Imaxe recurso de emprego
16 Out 2024

Denuncian os despedimentos de 6 traballadores en Edyproga, decisión que os traballadores rexeitan de maneira contundente. "A causa exposta na carta de despedimento apunta á drástica redución do volume de gasto en investimentos a partir deste verán por parte de Alcoa, o que provocou que a empresa non recibise nin un só pedido por parte da principal durante os meses de agosto, setembro e outubro", expoñen. Esta situación non só afecta a esta compañía, senón tamén a outras empresas auxiliares como Cotelsa, que lamentan tamén se viu forzada a cortar a subcontratación con Edyproga debido á falta de carga de traballo.

Como resposta a estes despedimentos "inxustificados" e á situación que se está a xerar, convocan unha folga indefinida de 1 hora que comezará o próximo luns, día 21, en sinal de protesta. Ademais, organizarán manifestacións e concentracións aínda sen determinar. Aseguran os traballadores que esta folga de 1 hora é só o comezo. "Se non atopamos unha solución inmediata e satisfactoria para os traballadores despedidos e para a carga de traballo, recrudeceremos as medidas de protesta paulatinamente".

Desde a CIG e o colectivo de traballadores esixen que Alcoa asuma as súas responsabilidades, cumpra cos compromisos asinados e reactive os investimentos necesarios para garantir a estabilidade laboral das empresas auxiliares. Solicitan o apoio do resto dos traballadores da factoría, tanto das auxiliares como da principal, para unirse nesta loita que afecta a todos.

0.19481086730957