Os técnicos municipais de Ribadeo desmenten á formación nacionalista sobre a subvención perdida

AMariñaXa
O goberno local asegura que a axuda está en proceso de compensación e critica a falta de rigor da información difundida
concello-de-Ribadeo-vista-2
27 Mar 2025

Os técnicos municipais de Ribadeo manifestaron a súa indignación tras as declaracións do BNG, que alertaba da perda dunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Segundo os profesionais municipais, a información proporcionada pola formación nacionalista non é precisa e piden que se contraste antes de facer públicos datos desta relevancia.

"O que realmente ocorreu foi un erro na recepción da documentación por parte de Agader, non unha mala xestión municipal", explicaron os técnicos, quen trasladaron o seu malestar ao equipo de goberno.

Desde o Concello, mostraron o seu apoio ao corpo técnico e pediron ao BNG que non difunda información errónea. "A situación está en proceso de solución e a subvención será compensada nunha anualidade ou noutra. O importante é que eses fondos chegarán a Ribadeo", aseguraron.

Ademais, destacaron que a colaboración con Agader segue en marcha e que a entidade está a investir arredor de 100.000 euros en diferentes proxectos no municipio. "O noso obxectivo segue sendo mellorar Ribadeo, traballando con rigor e compromiso", concluíron desde o goberno local.

⚙ Configurar cookies
0.60139203071594