Os socialistas urxen cubrir as prazas do servizo de Paliativos/HADO do Hospital da Mariña
Os socialistas demandan que se cubra as prazas, tanto de persoal médico como de enfermería, do servizo de Paliativos/HADO do Hospital da Mariña de xeito urxente, ata chegar á dotación inicial todos os días da semana, para poder retomar a atención presencial na totalidade dos concellos do distrito sanitario da Mariña.
Así o avanzou hoxe a Deputada Autonómica, Patricia Otero quen rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias co fin de solventar a situación actual. Denuncia que “dende hai máis de 6 meses só hai dous médicos no servizo, e incluso algúns días chegou a haber só un. Ademais os permisos e as baixas do persoal de enfermería non se están a cubrir, recaendo esas quendas de ausencias nos outros compañeiros do servizo”.
Os socialistas sinalan que o servizo de HADO ofrece unha alternativa asistencial á hospitalización convencional, para atender entre outros a doentes oncolóxicos, infecciosos, con cirurxías complexas, crónicos ou en estado terminal. O servizo de Paliativos/Hospitalización a Domicilio do hospital da Mariña creouse no seu momento xa dun xeito deficitario con 3 facultativos médicos, que prestaban atención de luns a venres pola mañás, e 5 profesionais de enfermería en quendas de mañá e tarde todos os días da semana.
MÁIS DO 60 % DA SÚA POBOACIÓN SEN SERVIZO PRESENCIAL
Advirte que “ante esta situación o Sergas adoptou a solución de que desaparecese na maior parte dos concellos da Mariña de Lugo a atención presencial. E eliminou o servizo presencial en 10 dos 14 concellos da Mariña, quedando, polo tanto, máis do 60 % da súa poboación sen servizo presencial. Agora os doentes destes 10 concellos da Mariña que non teñen servizo presencial de HADO, entre os que se atopan enfermos crónicos ou terminais, son derivados aos servizos de Atención Primaria, que como estamos a ver, e levan moito tempo denunciando os seus profesionais, están saturados”, dixo.