Os socialistas ribadenses incluirán no programa de goberno propostas para mellorar as comunicacións da zona rural
Os socialistas ribadenses incluirán no programa de goberno co que concorrerán ás eleccións municipais do 28 de maio propostas para mellorar as comunicacións da zona rural do concello, con obras como as que está executando agora a Deputación de Lugo na estrada LU-P-5204, que é a vía que comunica os concellos de Ribadeo e Trabada pasando por Arante. Esta parroquia foi visitada hoxe pola candidata á Alcaldía ribadense do PSdeG-PSOE, Marta Rey, e o número 2 da lista, Víctor López, que destacaron as numerosas e importantes achegas ao municipio ribadense do goberno da Deputación de Lugo que preside o socialista José Tomé. Outro dos moitos exemplos disto é a mellora da estrada LU-P-5202, que vai da vila ata o Alto dos Pinos por Vilaselán e que foi licitada pola xunta de goberno do organismo provincial este pasado venres cun investimento de 135.000 euros.
Marta Rey e Víctor López avanzaron que no programa de goberno dos socialistas contemplarase “continuar mellorado a rede viaria rural porque é algo moi importante para a poboación que reside nas parroquias ribadenses, que debemos intentar que se manteña ou incluso que se incremente con novos habitantes porque ten moitos atractivos e é un bo lugar para vivir. Pero para iso as comunicacións son fundamentais e é moi importante que estean en boas condicións os viarios municipais e tamén os que son titularidade doutras administracións. Con este obxectivo imos seguir traballando no vindeiro mandato municipal e esperamos facelo desde o goberno do Concello”.