Vestas anuncia o peche da planta de Viveiro e o PSOE mostra indignación

AMariñaXa
Os socialistas rexeitan o peche de Vestas en Viveiro e emprazan á Xunta a buscar alternativas para o mantemento dos postos de traballo
vestas viveiro
20 sep 2021

A compañía de aeroxeradores danesa Vestas anunciou hoxe que ten intención de cesar a produción na fábrica que ten en Viveiro e. onde emprega a unhas 115 persoas.

Segundo informa Vestas, este peche forma parte dun proceso de reconversión da súa estratexia, que afecta tamén as plantas de Lauchhammer, en Alemaña, e Esbjerg, en Dinamarca.

En Viveiro, Vestas fabrica xeradores para a plataforma terrestre de 2 Megawatts (MW), así como paneis de control da turbina mariña V164 para mercados situados fóra de España.

Segundo a compañía, a decisión de pechar prodúcese como consecuencia da diminución da demanda da plataforma de 2 MW e da necesidade de optimizar a fabricación de compoñentes para eólica mariña, "algo que fai insostible continuar coa produción en Viveiro".

Conforme aos plans actuais, Vestas prevé cesar a produción nesta planta a finais de 2021 e ofrecerá recolocacións aos operarios que actualmente traballan en Viveiro noutros centros no país.

Para mitigar os efectos, Vestas asegura que traballará man a man coa Xunta de Galicia e co Goberno central, así como cos axentes sociais.

A este respecto, destaca que España segue sendo un mercado crave para Vestas, con máis de 4,8 gigavatios (GW) de turbinas instaladas, 6 GW en mantemento e máis de 2.200 empregados a data de agosto de 2021, incluíndo a fábrica de pas en Daimiel, as operacións de mantemento e a sede da rexión mediterránea de Vestas en Madrid.

PSOE

Os socialistas amosan a súa indignación  e rechazo polo anuncio do peche por parte da empresa Vestas en Viveiro. A secretaria provincial do PSdeG e deputada autonómica, Patricia Otero dixo que “este anuncio supón unha decisión inxusta para as traballadoras e traballadores e a súas familias, e un novo golpe para a Comarca da Mariña”.

Otero emprazou á dirección da empresa Vestas “a que reconsidere esta decisión e asegure o mantemento dos postos de traballo en Viveiro”.  Ademais a líder socialista demandou á Xunta e ao Goberno de Feijóo “a que no ámbito das súas competencias exclusivas en materia de política industrial, e en colaboración do Goberno do Estado, execute e impulse todos os esforzos posibles para atopar alternativas a este peche, co fin de lograr a reindustrialización da Mariña Lucense”, expuxo.

“O anuncio deste peche é un golpe moi importante para os traballadores de Vestas en Viveiro e tamén para toda a Mariña Lucense, e deben recibir todo o apoio de tódalas administracións. E dende o PSdeG traballaremos incansablemente para abrir vías de dialogo e negociación, co fin de solventar esta situación”, dixo Patricia Otero.

0.075131177902222