Os socialistas reclaman a mediación da Xunta para garantir a continuidade de Muebles Hermida

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
20 Dec 2019

A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiulle á Xunta que “medien para garantir os postos de traballo” de Muebles Hermida e garantan un plan de viabilidade que permita manter a actividade da empresa. A responsable socialista presentou unha pregunta oral diante do Pleno do Parlamento na que lle esixiu ao goberno galego que “non sexan meros espectadores”.

A parlamentaria luguesa instou ao conselleiro de Industria que “non se sente a agardar a que o problema se solucione”, e lembrou que a que foi un dos 10 principais fabricantes de mobiliario a nivel nacional hoxe segue a ser a principal empresa do Concello de Lourenzá e que da traballo a 100 familias da Mariña que levan xa 4 meses sen cobrar.

Otero instou á Xunta a intervir para garantir o dito plan de viabilidade “poñendo por diante como condición irrenunciable o pago dos salarios atrasados”. Apuntou que “o goberno galego algo terá que dicir e facer” nesta situación logo de terlle concedido “cuantiosas axudas públicas á empresa” e reclamoulle ao conselleiro que “vele por que os millóns de axudas do Igape non sexan en balde”.

A responsable socialista levou ao Parlamento de Galicia a preocupación dos traballadores e traballadoras da empresa e do propio Concello de Lourenzá, que o pasado 2 de decembro acordou por unanimidade amosar todo o seu apoio aos afectados e recabar a implicación das distintas administracións autonómica e provincial.

Reclamoulle ao goberno galego que “fagan seguimento das axudas públicas que reciben empresas como Muebles Hermida para que non caian en saco roto e garantan a viabilidade, o mantemento da actividade e os postos de traballo na comarca da Mariña”.

0.098176956176758