Os socialistas levarán ao Parlamento a praga de mosquitos de Ribadeo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Patricia Otero Rodríguez e Encarnación Liñeiro Pouso, deputadas pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, preguntarán no Parlamento sobre a praga de mosquitos.
6 Feb 2020

Patricia Otero Rodríguez e Encarnación Liñeiro Pouso, deputadas pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, preguntarán no Parlamento sobre a praga de mosquitos.

Desde hai anos o casco urbano de Ribadeo vén padecendo, na época de calor, unha praga de mosquitos e moscas que afecta aos seus veciños e veciñas, así como a hostalería, prexudicando a esta na época do ano na que Ribadeo ten unha maior afluencia turística. 

En xuño de 2019 os propios hostaleiros de Ribadeo, desesperados con esta praga de moscas e mosquitos, pedían solucións a Portos de Galicia para erradicar a praga alegando que o foco podería estar na madeira almacenada no porto comercial de Mirasol, no que se atopan decenas de miles de toneladas alí depositadas desde hai anos. 

"O propio Concello de Ribadeo contratou a unha empresa especialista no tratamento de pragas, que aportou solucións para combater este problema: tratar a madeira ou retirala do Porto de Mirasol, xa que os tratamentos empregados polos hostaleiros para erradicar estas moscas e mosquitos de nada servirían se a madeira segue amontoada indefinidamente no Porto. Informe que lle reenviou o propio Concello de Ribadeo ao Goberno galego. No informe explican que os hostaleiros non son capaces de eliminar os mosquitos das súas ventás, aínda limpando e aplicando insecticidas todos os días, e que provocan incidencias incluso nas comidas", din as socialistas. 

Os hostaleiros de Ribadeo advertiron de novo estes días que o problema non está resolto e que volverá a aparecer cando chegue a calor. Por iso entenden que é urxente que Portos de Galicia actúe e retire a madeira que leva anos almacenada no Porto de Mirasol de Ribadeo. 

0.16059803962708