Os socialistas levan ao próximo pleno do Parlamento a desatención sanitaria na Mariña
O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reivindicou “igual trato sanitario aos cidadáns no conxunto do territorio” independentemente do lugar de residencia. Así o dixo na visita ao Centro de Saúde de Burela, onde anunciou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento que comeza o próximo martes sobre a marxinación sanitaria na comarca.
O responsable socialista esixiu sinalou á Atención Primaria, o “punto de contacto básico” co sistema sanitario dunha poboación avellentada, con doenzas crónicas e poboamento disperso, para os que o Centro de Saúde é a primeira referencia. Criticou así a redución na calidade asistencial dende a chegada do PP ao goberno galego, que en dez anos reduciu o orzamento para a sanidade en 180 millóns de euros e suprimiu 1.200 profesionais.
Reivindicou “condicións laborais e recursos” para o persoal de atención primaria co obxecto de que poidan “cumprir co seu traballo” e captar aos profesionais que teñen marchado, aos que “precisamos para atender á poboación”. Os socialistas puxeron hoxe o foco sobre a situación da sanidade pública en A Mariña, con recortes xeneralizados nos centros de saúde e situacións, dixo, como a de Viveiro, cun único pediatra a tempo parcial.
A parlamentaria da Mariña, Patricia Otero, será a encargada de defender esta pregunta oral na sesión plenaria da próxima semana e na que, explicou, esixiranlle unha resposta ao goberno galego sobre a situación da sanidade na comarca e as queixas dos usuarios sobre a dotación de persoal ou o deterioro material dos Centros de Saúde.
Fernández Leiceaga e Otero realizaron hoxe unha visita ao Centro de Saúde de Burela á que tamén asistiu o portavoz de Sanidade do Grupo socialista e o secretario provincial e portavoz socialista na Deputación Provincial, Álvaro Santos. Neste encontro tamén participaron os alcaldes de Burela –Alfredo Llano-, Alfoz –Jorge Val-, Ourol –José Luis Pajón-, a candidata en Ribadeo –Marta Rey- e representantes políticos e orgánicos do PSdeG nos concellos da Mariña.
O secretario provincial do PSdeG e portavoz na Deputación de Lugo, Álvaro Santos, denunciou a caída da atención sanitaria da Mariña, a “vítima das políticas sanitarias do PP”, que padeceu en primeira persoa as consecuencias da supresión das áreas sanitarias. Criticou que malia os anuncios do goberno galego, teñan sufrido o recorte de servizos, asistencial, e agora na Atención Primaria, onde renuncian a substituír ás baixas ou vacacións de profesionais, así como o desmantelamento de Pediatría.
Santos reivindicou a importancia “capital” do sistema sanitario para unha sociedade “que cada vez vive máis anos e ten máis necesidades asistenciais”, nunha comarca que supón unha terceira parte da poboación de Lugo, e que esta triplícase nos meses estivais. Advertiu dunha ofensiva política para recuperar a calidade asistencial e seguir a senda do servizo de Hemodinámica 24 horas, desbloqueado polo goberno logo de “presión social e un traballo político intenso”.
O responsable socialista instou a un “cambio radical nunha Atención Primaria que hoxe non está preparada para atendernos” e que logo da xestión do PP “en todo caso está para deixarnos desatendidos dentro de pouco”.