Os socialistas esixen á Xunta que impulse a VAC Costa Norte, tras 20 anos de espera
A secretaria provincial do PSdeG-PSOE e deputada Autonómica, Patricia Otero esixiu a Feijóo que impulse a VAC Costa Norte, comprometida polos sucesivos gobernos do PP fai máis de 20 anos. A dirixente socialista demandoulle aos alcaldes do PP da Comarca “que non se poñan de perfil nun asunto tan importante como son as melloras nas nosas infraestruturas viarias. Implíquense xa nesta reclamación, porque esta dotación é fundamental para a vertebración da Mariña”, insistiu.
Así o dixo tras anunciar que ven de rexistrar unha iniciativa parlamentaria coa que demanda “unha aposta decidida, real e efectiva pola VAC Costa Norte levando a cabo, en diálogo e consenso cos concellos polos que transcorre esta infraestrutura, tódalas accións precisas para rematar a Vía de Alta Capacidade Costa Norte Ferrol - San Cibrao no menor tempo posible”.
Otero lembra que “o proxecto da vía de alta capacidade Costa Norte Ferrol-San Cibrao, que foi anunciado no ano 2001 polo señor Cuiña, dividíase en 11 fases correspondentes con outros tantos tramos e fixaba como data de finalización o ano 2007. Pero non foi ata o ano 2009 cando se iniciaron as obras do primeiro tramo. Trátase dunha infraestrutura prometida hai máis de 20 anos e que aínda segue no aire, e ao ritmo que executa estas obras a Xunta de Galicia a conexión Ferroltera-Ortegal-A Mariña chegará, de ser o caso, no ano 2135”.
A voceira de Infraestruturas advirte que “este abandono do PP coa VAC Costa Norte implica seguir marxinando as comarcas da Mariña Occidental e de Ortegal e deixando a estas comarcas cunhas vías de comunicación deficientes, que atravesan moitos núcleos de poboación e cun trazado moi antigo. Unicamente contan cun trazado moderno as saídas de Ferrol ata San Sadurniño e as variantes de Ortigueira e Xove”.
Reiterados incumprimentos
Na proposición rexistrada denuncia que “despois de reiterados incumprimentos e inxustificados retrasos por parte do Goberno de Feijóo nesta VAC, en marzo de 2017 o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas en sede parlamentaria galega afirmaba que para a Xunta de Galicia esta infraestrutura segue a ser unha prioridade e que se ía empezar cos tramos útiles que están conectados coas vías de alta capacidade, empezando polo lado da Coruña, na AG-64 como punto de inicio, no seu primeiro tramo San Sadurniño-Sardiñeira e na parte de Lugo conectando o tramo recentemente posto en servizo entre Celeiro e San Cibrao”.
Un único tramo aberto no 2017
Así as cousas remarca que “na Provincia de Lugo nada novo dende que o Goberno galego inaugurase, en xaneiro de 2017, con tres anos de retraso o primeiro e único dos tramos desta provincia con só a variante de Xove. Treito, por certo licitado 8 anos atrás por un goberno da Xunta de Galicia presidido por Touriño”, resumiu.