Os socialistas destacan que o colector de Río de Loiba foi unha xestión do Executivo de María Loureiro

O PSOE de Viveiro informou do inicio das obras de substitución do colector de saneamento no Río de Loiba, en Covas, unha actuación financiada pola Deputación de Lugo a través do Plan Deputación 2025, cun investimento total de 89.081,49 euros.
Segundo explicaron os socialistas, esta intervención foi xestionada polo anterior Goberno municipal, presidido por María Loureiro García, e responde a unha necesidade detectada hai tempo na contorna do río, onde se identificara un punto de vertido de augas residuais.
O proxecto permitirá eliminar definitivamente ese problema ambiental, substituíndo o tramo do colector existente por unha nova rede de saneamento cun trazado alternativo, máis eficiente e seguro para o medio.
Desde o PSOE lembran que esta é unha das numerosas actuacións programadas polo anterior Executivo local, que deixou preparadas varias obras de mellora de infraestruturas básicas en diferentes zonas do municipio. “Unha vez máis constatamos que as obras que se están a executar actualmente foron xestionadas e planificadas polo Goberno socialista, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e o estado das redes de servizos”, sinalan.
Os socialistas destacan tamén o apoio constante da Deputación de Lugo aos concellos da provincia, e en particular a Viveiro, a través de programas como o Plan Deputación 2025, que permite impulsar proxectos sostibles e necesarios para o desenvolvemento local.