Os socialistas denuncian a exclusión de O Vicedo dos orzamentos da Xunta

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE do Vicedo manifesta a súa profunda indignación ante os Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026, nos que “o noso concello volve quedar completamente excluído de calquera investimento significativo”. Para os socialistas, esta realidade consolida unha política persistente de "abandono institucional, repetida ano tras ano, que compromete con gravidade o desenvolvemento social, económico e demográfico do Vicedo". A formación socialista considera este feito “inxustificable, discriminatorio e incompatible co principio de cohesión territorial que a Xunta proclama cada vez que fala da Galicia rural”.
Desde o PSdeG-PSOE subliñan que esta exclusión non é un accidente nin unha descoordinación administrativa, senón unha decisión política consciente e reiterada. Unha vez máis, desaparecen das contas autonómicas todos os proxectos fundamentais que a veciñanza do Vicedo leva anos reclamando con paciencia, firmeza e lexitimidade. A estrada LU-862, principal vía de comunicación da Mariña occidental, “continúa nun estado lamentable no tramo que atravesa o noso municipio. O firme deteriorado, a inseguridade viaria e a falta de mantemento contrastan co estado da mesma estrada en Mañón, xa renovada pola Xunta no tramo coruñés”, alertan. “Como se pode defender a cohesión territorial mentres se consente esta evidente desigualdade entre dous concellos veciños unidos pola mesma estrada? Esta é a metáfora perfecta de como se trata ao Vicedo: sempre para máis adiante, sempre en último lugar”, sinala o grupo municipal.
O mesmo abandono, inciden, volve repetirse coa rede de saneamento, unha infraestrutura básica e inescusable. Mentres a Xunta multiplica declaracións sobre o reto demográfico e a igualdade territorial, O Vicedo continúa sen o investimento necesario para modernizar e completar a súa rede, asumindo consecuencias ambientais, sanitarias e urbanísticas que penalizan o seu futuro. “Ningún discurso sobre o rural pode sosterse sen servizos públicos dignos. A Xunta é moi firme co relato, pero totalmente inoperante na acción”, afirman os socialistas, que censuran ademais a actitude pasiva do alcalde, “máis preocupado pola compracencia política que por esixir solucións reais”.
Outro símbolo desta desatención é o peirao do Vicedo. Chamado a ser motor do turismo, da actividade pesqueira e do emprego local, “continúa sen as actuacións tantas veces prometidas pola Xunta. Ano tras ano, a infraestrutura permanece estancada, desaproveitada e fóra de calquera planificación realista”. Para o PSdeG-PSOE, esta situación evidencia unha falta absoluta de visión estratéxica para o noso municipio e unha desconsideración inaceptable cara ao seu potencial económico.
A mesma parálise afecta ao centro de día, unha débeda social que xa resulta insostible. Nun concello cun alto índice de envellecemento e con familias que precisan apoio, a Xunta mantén bloqueada a posta en funcionamento dunha instalación imprescindible. “Non se pode presumir de políticas sociais mentres se condena unha parte da poboación á desprotección e á soidade. O Vicedo merece dignidade tamén neste ámbito, non máis portas pechadas”, denuncian.
A exclusión da Vía de Alta Capacidade (VAC) da planificación que afecta á comarca constitúe, para os socialistas, o maior e máis perigoso dos síntomas. “A Xunta, mentres proclama un gran proxecto vertebrador para A Mariña, deseña unha infraestrutura que ignora por completo ao Vicedo, condenándoo a unha posición periférica no mapa das comunicacións do norte lucense. “Sen boas conexións non hai futuro posible. A mensaxe implícita da Xunta é clara: O Vicedo non conta e non está previsto que conte”, conclúe o grupo municipal.
“O Vicedo merece máis”
“O Vicedo tamén é Galicia e merece respecto, investimento e futuro”, subliña o PSdeG-PSOE, que anuncia a presentación de iniciativas no Parlamento de Galicia, na Deputación e no propio Concello para corrixir de maneira inmediata esta situación e incluír nos Orzamentos de 2026 a reparación integral da LU-862, un plan de saneamento moderno, as actuacións pendentes no peirao, a apertura efectiva do centro de día e a incorporación do municipio na planificación da VAC. “Imos defender O Vicedo con determinación e sen complexos, porque non estamos ante un capricho político, senón ante unha cuestión de dignidade colectiva. O noso concello non pode seguir condenado á irrelevancia por cálculos partidistas ou por silencios cómplices”.