Os socialistas de Xove denuncian a "pouca previsión e organización” do Goberno local
O grupo Socialista de Xove, con motivo do primeiro aniversario desta lexislatura, a través da súa representante Rogelia Mariña trasladou unha serie de preguntas ao Equipo de Goberno para ver cal foi o contido e polo tanto, consecución neste primeiro ano de goberno. Rogelia Mariña trasladou doce preguntas e unha moción para solicitar a construción dun bloque de 100 vivendas sociais para dar resposta ao tema de falta de vivendas en Xove. “Xa que dende os anos 2000 nada se fixo, e tamén vemos que dende fai mais de 16 anos nin unha sola grúa se ve en Xove. Polo que esta carencia de vivenda, obriga á xente moza a mercar fóra do noso pobo”.
Sosteñen que o equipo de Goberno votou en contra, argumentando que só hai unha solicitude. “Parécenos, canto menos triste, que dende o goberno non vexan a realidade do que acontece, xa non só a día de hoxe, tamén ollando cara o futuro”. Tamén afirman que o alcalde se queixa de que son moitas preguntas e que non lle gusta o ton no que son formuladas. “Parece que nos plenos do Concello de Xove se preguntas, molesta un pouco. Pois benvida esa molestia, porque o seguiremos facendo”. Dende a formación política aseguran que “están a demostrar as poucas ganas que ten de traballar por Xove, aínda que ten unha dedicación exclusiva ben pagada, que lle recordamos que sae dos impostos que todos o xovenses pagamos relixiosamente”.
E en canto ao ton, “son propostas e preguntas presentadas con respecto, educación e sen insultar a ninguén, pero con sentido de critica política a esa parálise que xa leva 17 anos, e supoñemos que non lle gusta que o recordemos. Ten solución: poñerse a traballar”. As preguntas foron sobre como avanza o tema da mellora do abastecemento e calidade da auga, xa que se hai seca este verán volverá a haber restricións de auga e cando chove segue a saír barro polas billas. Sobre a mellora e ampliación do Polígono Industrial de Camba, “máis do mesmo: “Está igual que cando se fixo aló polos 90, e a contestación é estamos elaborando o proxecto”.
No tema de Centro de día, a contestación por parte do Goberno é que “o están mirando e mira que mira levamos 17 anos sen el”. Sobre o saneamento, a opción do Goberno PP de Xove e Xunta é “seguir cos pozos negros, nada van facer para avanzar neste tema. Seguiremos contaminando as augas subterráneas, os rios e vertendo ás praias, política do PP”.
Sobre os pantaláns para o porto de Morás, “as mesmas desculpas dos últimos 17 anos, que si é culpa de costas, de Portos”. Con respecto da mellora agrícola e forestal, “as pistas forestais cada día en peor estado e sen regulamento de coidado ningún”. No aspecto deportivo, “triste ver como admite o señor alcalde que é posible a desaparición do Xove-Lago, cando dende o Goberno fan moi pouco para potenciar o deporte de base. Fíxose un campo de adestramento case coma os que ten o Real Madrid, dentro de pouco será para levar as vacas a pastar, aínda que nin iso xa que é de herba artificial”.
Esta situación é “reflexo dun goberno que segue con pouca previsión e organización”. Mentres tanto Xove “está totalmente paralizado”. Aseguran que dende o Partido Socialista de Xove sempre van a “apoiar as iniciativas que se fagan para Xove e o benestar dos seus veciños, benvidas sexan. Pero cremos que antes da realización dese parque, hai moitas prioridades antes onde inverter e de maior urxencia.