Os socialistas de Viveiro critican a supresión do desfile dos Maios

AMariñaXa
Acusan ao actual Goberno local de abandonar unha tradición escolar que reunía a centos de nenos e nenas para celebrar a chegada da primavera
Viveiro-os-maios-infantis-en-2024
23 May 2025

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro lamenta que este ano o Concello decidise non organizar a celebración dos Maios cos centros educativos da vila, unha actividade que durante anos uniu aos nenos e nenas de infantil e primaria nun evento cheo de cor, música e tradición.

Segundo denuncian, baixo os anteriores gobernos socialistas, presididos por María Loureiro, esta cita anual convertérase nunha tradición consolidada, cunha alta participación escolar. Máis de 700 estudantes participaban no desfile festivo, ataviados con gorros e colares de flores, símbolo da chegada da primavera, e acompañados de cánticos populares. O evento, celebrado habitualmente na zona de Campo de Urraca, incluía tamén unha merenda para os menores e transporte gratuíto para os centros educativos de Covas, Celeiro e Galdo.

"Era un punto de encontro entre os rapaces de todos os colexios do municipio e unha forma fermosa de transmitirlles a importancia das nosas tradicións", afirmou María Loureiro, quen subliña que a iniciativa contaba co apoio de todas as áreas de goberno durante o seu mandato.

A formación socialista sinala que o custo económico da actividade tiña arredor dos 2.000 euros, unha cantidade que consideran asumible, e mesmo prescindible, ao poder organizarse, segundo din, con medios propios do Concello. Critican, ademais, que este ano non se contase con dificultades extraordinarias, pois "o cadro de persoal da Policía Local está practicamente ao completo", polo que atribúen a cancelación á falta de vontade política da actual alcaldesa, quen tamén ostenta a área de educación.

Desde o grupo socialista, conclúen que esta decisión supón "un retroceso no compromiso coa cultura popular e a participación da infancia na vida comunitaria". Loureiro insiste en que "perder esta celebración é perder parte do que nos define como vila".

⚙ Configurar cookies
0.18060111999512