Os socialistas de Trabada piden á Xunta explicacións “sobre a localización final de Altri"
O PSOE pedirá tamén noutra moción “a posta en marcha do programa ‘Coidados Porta a Porta’ de forma permanente, dotándose de unidades móbiles propias”.
Os socialistas de Trabada levarán ao próximo Pleno municipal duas mocións para esixir á Xunta de Galicia que rectifique e explique “a traizón á Mariña” pola decisión final de Altri de non instalarse na comarca e unha mellor xestión do programa ‘Coidados Porta a porta’.
En concreto, na primeira das mocións o PSOE insta á Xunta “á rectificación do anuncio feito por Alberto Núñez Feijoo o martes 26 de abril e a dar cumprimento do mandato do Parlamento de Galicia da sesión do 8 de febreiro, na que por unanimidade do plenario foi aprobado localizar preferentemente na Mariña a primeira fábrica de fibras téxtiles de España”.
Os socialistas demandan ao goberno galego “a fixar data para unha reunión urxente coa Mancomunidade de Concellos da Mariña, solicitada polo ente comarcal por escrito en tres ocasións desde o 18 de novembro de 2021 sen resposta, co obxecto de buscar a situación máis viable na comarca da Mariña para a factoría”.
Por último, instan á Xunta “a que dea conta dos motivos políticos que propiciaron traizoar á Mariña incumprindo a promesa de situar na comarca a factoría de Altri, afastando o centro produtivo dos eucaliptais que constitúen a materia prima para a fibra téxtil, rexeitando a posibilidade de pechar o ciclo produtivo do eucalipto na comarca e impulsar un proxecto de futuro na Mariña, abandonando á súa sorte unha comarca cunha grave crise industrial e con man de obra cualificada”.
Polo que respecta ao programa 'Coidados Porta a Porta', os socialistas de Trabada solicitan “a súa posta en marcha de forma permanente, dotándose de unidades móbiles propias, evitando desa forma o gasto excesivo de aluguer do mesmo”.
A moción insta “á Xunta de Galicia a efectúar o control do cumprimento do contrato asinado coa empresa adxudicataria do servizo, xa que non está cumprindo os pregos de prescripcións técnicas para a adxudicación ao obrigar aos concellos a dotar dun enganche de luz, cando teñen a obriga de dispoñer dun grupo electróxeno debidamente insonorizado que permita total autonomía e teña a potencia necesaria para o correcto funcionamento da unidade móbil”.
Por último, piden ao goberno galego “que informe aos concellos sobre a duración das consultas para axudar a solicitar as mesmas aos veciños a través dos servizos sociais municipais, ante as numerosas queixas de veciños indicando que chamaban ao número de teléfono establecido nos carteis para solicitar as citas e non contestaba ninguén, coa finalidade de que este servizo chegue a toda a veciñanza, sobre todo aos que non teñen medios de transporte para realizar os desprazamentos ao lugar donde se instale a unidade móbil”.