Os socialistas de Mondoñedo urxen un plan de limpeza dos espazos verdes
Os socialistas de Mondoñedo reclamaron ao equipo de Goberno do PP, no pleno ordinario do mes de maio, un plan de limpeza dos espazos verdes, así como de tódolos espazos públicos como parques, paseos ou a Alameda dos Remedios do concello. Dende o PSdeG de Mondoñedo, “instamos ao equipo de goberno a intensificar as medidas para a adecuación e mellora das zonas verdes, con actuacións de limpeza, conservación e mantemento para que chegue a todos os espazos verdes da cidade”.
Nesta mesma sesión plenaria tamén demandaron unha solución para os ríos dos Muíños, xa que cualifican a situación dos mesmos como de “moi lamentable, e dunha deixadez absoluta por parte de tódalas administración competentes. Están sen vida, sen auga e cheos de maleza”. Por iso, solicitan unha vía de solución coa colaboración de todos. “A Xunta ten que dar unha resposta clara e comprometida, non podemos quedarnos de brazos cruzados diante deste panorama e deixar morrer aos nosos rios”, advirten os socialistas.
Tamén reclamaron, “un plan de limpeza urxente do cemiterio novo e con máis vixilancia, antes as queixas que recibimos pola falla de persoal. E que permaneza pechado pola noite”. A Agrupación Socialista de Mondoñedo tamén interpelou ao Goberno do PP para coñecer si existen coches en funcionamento do parque móbil do Concello, sen pasar a ITV, porque teñen constancia de que “actualmente hai coches operativos do parque móbil do Concello sin pasar a ITV”.
Ximnasio municipal
En relación a que data ten prevista o equipo do Goberno para reabrir o ximnasio municipal na Casa da Xuventude e que leva anos paralizado, o equipo de Goberno respondeu que “este ano ira”, pero que non hai unha data concreta. Lembran que “o PP de Mondoñedo está pagando máis de 1.000 euros ao mes a un particular por un local que non reúne as mínimas normas de accesibilidade, e que non conta nin con duchas nin baños adaptados para que sexa utilizado como ximnasio municipal”.
Por outra badan, preguntaron cando vai construír o Concello o muro comprometido aos veciños afectados pola construción do novo vial de Carroceira, ao carón do Campo dos Paxariños. Sinalaron xa que chegaron a un acordos coas familias afectadas, e que o Concello conta cunha partida orzamentaria para a realización deste muro.
Nesta sesión plenaria o PSdeG aludiu ademais a unha queixa, que consta no rexistro no Concello, relacionado cun problema de filtracións de humidades que afecta a unha outra vivenda na rúa Jose Maria Pardo. Hai que lembrar que nesa mesma rúa, outra veciña denunciou esta mesma situación de filtracións, que están sufrindo dende fai máis dun ano, e que achacan á mala canalización das augas. Aseguran que, segundo explicaron dende o Concello, “non lles consta que esta nova filtración nesta nova vivenda sexa por mor das chuvias”. Os concelleiros do PSdeG tamén se interesaron pola situación do proceso de estabilización de emprego do Concello de Mondoñedo. Indicaron que xa saíron unhas prazas adiante, e agora falta o nomeamento do tribunal e as datas para rematar as que quedan pendentes.