Os socialistas de Mondoñedo reclaman solucións urxentes para os ríos dos Muíños

AMariñaXa
O PSdeG pide crear un grupo de traballo con veciñanza e administracións e critica o abandono de espazos públicos e turísticos
MONDONEDO-rio-os-muinos-PSOE-denuncia-abandono-2025
1 Sep 2025

O grupo municipal socialista de Mondoñedo vén de advertir da “situación insostible” que atravesan os canles dos ríos dos Muíños, que levan máis de quince días sen auga. A formación lembra que se trata dun problema “arrastrado durante anos” e insiste na necesidade dunha “resposta definitiva, non simples remendos que non solucionan nada”.

Dende o PSdeG avanzan que proporán no próximo pleno a creación dun grupo de traballo no que participen as administracións competentes e tamén a propia veciñanza. “Deben ser os técnicos quen acheguen a solución axeitada”, remarcan, ao tempo que cualifican de “neglixencia medioambiental” a situación actual. “Non é só unha cuestión estética ou paisaxística, tamén afecta á perda de biodiversidade das nosas contornas naturais”, advirten.

Na mesma liña, os socialistas lembran que no pleno de xullo xa trasladaron diversas cuestións ao goberno local. Preguntaron polo axuste das obras da rampla de acceso ao Real Seminario Conciliar, polo uso da Escola de Maariz por parte dun particular e polas probas de calidade da auga na Fonte dos Pelamios.

Ademais, a través de rogos, solicitaron que se instale un panel informativo na área recreativa da Fervenza. Nel debería detallarse a localización das zonas de aparcamento e as normas de uso da grella ao aire libre, co obxectivo de evitar riscos de incendio e posibles conflitos.

Os socialistas tamén reprochan ao executivo do PP a falta de planificación no mantemento dos espazos públicos. “Chegado o verán, Mondoñedo amosou rúas, prazas, parques, zonas verdes e mesmo a estrada principal de acceso nun estado de abandono, con maleza e porcallada. O que pedimos é máis traballo a pé de rúa e menos campañas de imaxe e publicidade”, censuran.

Outro dos asuntos que puxeron enriba da mesa é a apertura da oficina de turismo durante o mes de agosto. Critican que en xullo permanecese pechada todos os domingos e propoñen que non se repita esa situación en plena tempada alta. “Resulta inaceptable que a única oficina municipal de información estivese pechada cando máis visitantes recibimos. Incluso nos ofrecemos a abrila nós mesmos as fins de semana de agosto se fose preciso”, conclúen os edís socialistas.

⚙ Configurar cookies
0.17570281028748