Os socialistas de Mondoñedo preguntan pola ubicación do punto limpio que quere construír o Concello

AMariñaXa
Os socialistas de Mondoñedo preguntan pola ubicación do punto limpio que quere construír o Concello, a través de fondos europeos
mondonedo praza catedral vista
1 Ago 2022

O Grupo Socialista de Mondoñedo interesouse na pasada sesión plenaria pola ubicación do Punto Limpio, tamén polo custe da produción do concerto de Café Quijano e polos pasos que está dando o concello en relación a denuncia da empresa que realizou melloras na Casa da Cultura, á que lle rescindiron o contrato.

Os socialistas explican que segundo consta nun decreto de Alcaldía, o pasado mes de maio a Consellaría de Medio Ambiente a través dos fondos Next Generation da UE anunciou axudas para concellos destinadas a recollida de residuos, e o Concello de Mondoñedo solicitou unha subvención de 261.000 euros para a construción dun punto limpio na nosa vila. Un proxecto que conta cun orzamento total de 350.000 euros. Nesta sesión plenaria preguntamos cal sería a posible ubicación deste espazo, e a contestación por parte do Alcalde foi que “non se sabe”.

Ademais neste pleno tamén nos interesamos polos custes de produción do concerto de Café Quijano, que se celebrará o vindeiro 17 de setembro, na praza do Seminario. Segundo explicaron o concerto non ten ningún custe para as arcas públicas municipais, “xa que está financiado polo Xacobeo”, sinalan. 

A voceira do Grupo Socialista, Esperanza Gonzalez tamén interpelou ao Goberno Local sobre o procedemento xudicial que mantén o Concello de Mondoñedo coa empresa SUNNE GALIZA S.L.U, que foi a encargada de realizar parte do proxecto de acondicionamento de locais e salas polivalentes para uso deportivo na Casa da Cultura, á que se lle rescindiu o contrato porque non cumpriu coas súas obrigas. Por este motivo o concello de Mondoñedo perdeu a subvención integra deste proxecto cun importe total de 96.800 euros. Nestes momentos o concello está personado neste procedemento a través dos servicios xurídicos da Deputación.

Os servicios xurídicos do Concello avanzaron ademais que a nova empresa adxudicataria para o remate destas obras, tampouco cumpriu os prazos previstos, e polo tanto haberá que facer unha nova licitación deste proxecto.

ROGO.

Por último o Grupo Socialista demandou a través dun rogo, que se cumpran a normativa, consensuada e aprobada por unanimidade de tódolos grupos, sobre a utilización das terrazas do Concello. “Presentamos este rogo tras coñecer as queixas de diversos afectados que demandan ao Concello que faga cumprir a normativa e para que tódolos viandantes poidan circular con seguridade”, sinalan. 

0.19015192985535