Os socialistas de Mondoñedo piden a mellora do aparcadoiro da Igrexa Nova
Os socialistas de Mondoñedo critican que a Oficina de Turismo estivo pechada durante o mes de xullo, tódolos domingos e luns deste mes. Por iso, na sesión plenaria de agosto, interpelaron ao Goberno Municipal para coñecer as causas desta deixadez no servizo turístico do Concello. Segundo sinalaron responderon que “hai enquisas que din que os domingos son os días que menos turistas acoden á oficina”.
Dende o PSdeG de Mondoñedo “non entendemos como contando con dous traballadores municipais na Oficina de Turismo, ademais da concelleira que cobra a fin de mes unha dedicación, esta oficina está pechada máis do 25 % dos días de xullo, e nunha época de máis afluencia de turistas á nosa cidade. Nestes intres de seis concelleiros do Goberno do PP de Mondoñedo, catro deles están cobrando das arcas municipais, polo tanto pedimos máis dedicación e máis traballo nos servizos públicos da nosa cidade”, sinalan.
Os socialistas critican que o PP de Mondoñedo gaste recursos públicos por pertencer a redes de promoción turística a nivel estatal “pero sexan incapaces de abrir a oficina de turismo durante o verán. Isto é inconcibible”, advirten. Nesta mesma sesión plenaria demandan, a través dun rogo, que se acondicione e mellore o aparcadoiro da Igrexa Nova, xa que tralas últimas choivas presenta un aspecto moi deteriorado e lamentable. E que se arranxen as fochancas e se limpen os canalóns existentes nesta zona.
“Recibimos moitas queixas da situación deste espazo público, e creemos que merece moita máis atención e convertese nun aparcadoiro seguro e limpo”. E por último, que se requira aos propietarios ou as entidades pertinentes, a limpeza das beirarrúas de entrada de Mondoñedo, situadas na Avenida Eladio Lorenzo.