Os socialistas de Mondoñedo denuncian o “pobre orzamento do PP”

AMariñaXa
Dende o PSdeG tamén advirten do gasto en publicidade e propaganda por parte do Partido Popular
mitin-psoe-mondoñedo-24-5-2023
3 Dec 2024

Os socialistas de Mondoñedo rexeitaron no pasado pleno, celebrado en novembro, o “pobre orzamento do PP”, xa que non responde ás demandas da veciñanza. Lembran que no apartado de investimentos e inversións só aparecen consignados 32.064 euros do Concello, “unha cifra paupérrima, que non serve para dar resposta a ningún reto relevante na nosa cidade”.  A votación do orzamento foi aprobado co voto de calidade do Alcalde, xa que houbo un empate na votación con 5 votos, ao non asistir un concelleiro do PP á sesión plenaria, que non se celebraban dende fai 4 meses.

Segundo se desprende do orzamento do 2025, indican, o montante total ascende a un total de 3.903.185 euros, e só reflicte un aumento con respecto ao último ano, de 88.567 euros. Os gastos de persoal supoñen un investimento de 1,769.584 euros das arcas públicas municipais.

Dende o PSdeG de Mondoñedo tamén advirten do gasto en publicidade e propaganda por parte do PP. “Esta anualidade a partida supón un montante total de 50.600 euros, que segue sendo avultada, pero temos que recoñecer que descendeu, xa que en anualidades anteriores chegou a supoñer preto de 100.000 euros ao ano, un auténtico despropósito. Cando pola contra a partida correspondente ao fomento de emprego é de 50.891 euros, estas son as prioridades nas contas”, remarcan os socialistas.

Outras das demandas do PSdeG ao Goberno do PP está relacionada co “despilfarro económico dos chiringuitos que promove”, como por exemplo o ximnasio. “Actualmente supoñen un gasto mensual de máis 1.000 euros ao mes aos veciños de Mondoñedo, nun local que non reúne as mínimas normas de accesibilidade, e que non conta nin con duchas nin baños adaptados”, advirten.

Na sesión plenaria, o Grupo Socialista tamén pediu explicacións ao PP pola deficiente xestión económica. “O Concello non pode permitirse o luxo de seguir devolvendo subvencións, este ano xa renunciou unha axuda de Agader de 60.000 euros, e ten que devolver outra subvención de Atención Temperá de 2021 de 14.000 euros. Hai que traballar e estar encima dos proxectos”, din.

Nesa liña, tamén aludiron á xustificación doutras inversións no Concello. “Tamén nos chama profundamente a atención que a Xunta (a través do IGVS) sufrague gastos para o centro de rexeneración urbana, que son arredor de 14.477 euros en cada xustificación, pero que non se contrata a ninguén para o servizo de urbanismo. Xa que estes gastos do IGVS xustifícanse coas nóminas da arquitecta, traballadora social e unha administrativa, e non se reforza a plantilla municipal, cando realmente si existe orzamento para facelo”, subliñan dende o PSdeG.

Os socialistas de Mondoñedo emprazaron ao PP a marcar prioridades. “Si hai axudas para pagar o servizo de autobús á piscina de Foz, tamén teñen que existir axudas destinadas aos estudantes do noso concello, co fin de que poidan desprazarse a estudar a outros centros educativos da Mariña”, reclaman.

SUBIDA DA AUGA E DO IBI

Nesta mesma sesión plenaria tamén se aprobou, a actualización das tarifas da auga en base á revisión dos prezos conforme ao IPC (10,8 %), así como a modificación do IBI, no tocante aos bens inmobles urbanos que queda fixado no 0,60 por cento (e estaba no 0,50). Dende o PSdeG abstivéronse en ámbalas dúas votacións, “por unha banda entendemos que o Concello precisa de máis recursos económicos para poder dar resposta ás demandas da veciñanza. Pero a nosa pregunta que nos facemos é: “Subir os impostos para que qué e para quen?, en que se van gastar eses novos recursos económicos?”, insisten os socialistas. Hai que lembrar que actualmente hai ordenanzas municipais sen actualizar dende fai máis de 20 anos, como por exemplo a do cemiterio municipal.

 

 

 

 

 

 

 

0.13285994529724