Os socialistas de Mondoñedo censuran uns orzamentos “irreais e continuistas” e reclaman máis atención ás parroquias

AMariñaXa
O PSdeG critica a falta de inversións, o aumento en publicidade e a ausencia de planificación para resolver problemas que afectan ao municipio dende hai anos
rocha-velez-calle-cortada-obras-mondoñedo
4 Dec 2025

Os socialistas de Mondoñedo votaron en contra dos orzamentos municipais para 2026 ao considerar que “non responden ás necesidades reais da veciñanza” e que representan “unha continuidade da mala xestión dos últimos anos”. Segundo explican, o documento económico do PP é “irreal, pouco ambicioso e incapaz de dar solución a problemas que se arrastran tanto nas parroquias como no casco histórico”.

O proxecto orzamentario ascende a 4.024.777 euros, apenas 121.590 máis ca o ano anterior. O PSdeG destaca que a maior parte do gasto concéntrase no persoal municipal (2.602.939 euros), mentres que a partida de fomento do emprego se reduce a 50.038 euros. Consideran especialmente preocupante o capítulo de investimentos reais, que suma só 32.064 euros, unha cifra que cualifican de “raquítica e sen dirección política”.

Os socialistas tamén critican o incremento en atencións protocolarias, publicidade e propaganda, que ascenden a 53.600 euros, tres mil máis ca no exercicio anterior. “Mentres isto medra, continúan sen resolverse problemas estruturais no municipio”, apuntan.

Entre as súas propostas, o PSdeG reclama reforzar o persoal municipal, evitar subcontratacións innecesarias e reducir o gasto corrente mediante medidas de eficiencia enerxética. Tamén sinalan a necesidade de revisar alugueres como o dun establecemento deportivo que “non cumpre as mínimas garantías de accesibilidade”, e que custa ao Concello preto de 1.000 euros mensuais.

As asociacións e veciños de Maariz, Vilamor, Viloalle, Santa María Maior ou Argomoso trasladaron novas demandas sobre accesos, limpeza, rozas e sinalización. Para o PSdeG, “é urxente priorizar recursos e escoitar a toda a veciñanza, poñendo orde e planificación onde agora só hai improvisación”.

O grupo municipal tamén insistiu na necesidade de revisar o convenio cos artesáns dos Muíños e alertou da situación da EDAR, citando un informe “demoledor” da Xunta que insta a un plan de choque nas instalacións.

Na quenda de rogos e preguntas, o PSdeG solicitou explicacións polas melloras nos accesos ao supermercado DIA, polas obras do PEPRICH —sen data de finalización prevista— e polos problemas xerados pola implantación dos parques eólicos Baro e Vilamalafróns, que afectan a Santa María Maior. Tamén pediron traer a Mondoñedo algunha mostra do artista Mauro Leivas.

Os socialistas cuestionaron ademais o uso do vehículo de Protección Civil por parte dun concelleiro que se atopa de baixa laboral. Este alegou que “pode utilizalo igual porque o seguro o cobre”.

Entre os rogos adicionais, o PSdeG pediu mellorar a estación de autobuses, retirar valados sen utilidade na localidade, actuar no río do barrio de San Lázaro para evitar riscos de inundación e incrementar a sinalización na rúa Rocha de Vélez, cortada por obras sen indicación visible.

⚙ Configurar cookies
0.076872110366821