Os socialistas de Foz piden respecto ao voceiro local do PP
O grupo municipal socialista de Foz expresa a súa repulsa e pide ao voceiro local do Partido Popular máis respecto ante as declaracións “insultantes e destrutivas de Javier Castiñeira”.
“O voceiro da oposición sempre está faltando ao respecto aos concelleiros da corporación de Foz. Xa nun dos últimos plenos nos dixo que 'vós só estades aquí para levantar a man ou nin a mesma: se está traumatizada vaia ao psicólogo”, explica a voceira socialista, Inés López Couto, que engade: “Ningunha persoa vén de concelleiro só a levantar a man, pero igual o voceiro do PP de Foz está na corporación só para insultar, porque a este pobo nada lle aporta”.
Inés López di que Javier Castiñeira “está en contra de todo. Non propón nada en positivo. Só se queixa, sen presentar alternativa ningunha. Fala de ordeno e mando quen non escoitou nada do que lle dixo ninguén nos seus maiores proxectos, as dúas avenidas de Foz, e xa se ve o resultado e o traballo que lle deixou a outros. Recordámoslle que foi alcalde oito anos e xa se ven os seus lustrosos proxectos”.
A voceira do grupo municipal socialista explica tamén que o portavoz do PP “acusa de vitimismo a un grupo que nunca se esconde, que vai defender sempre as necesidades deste pobo e, en minoría, aínda máis. Fala de vitimismo quen sempre, en cada alegato da súa época de alcalde di porque eu gobernaba en minoría e era moi difícil. A súa vara de medir e distinta para el que para os demais. Está ben ser visionario. Leva dúas lexislaturas predicindo, creo que é un traballo que se lle dá moi ben. Que mala sorte que nunca prediga nada bo para Foz. É o que fai, predicir. Os sete concelleiros deste grupo pedímoslle máis respecto e menos insultos”.
JAVIER CASTIÑEIRA
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Foz, Javier Castiñeira, opina que, tras a ruptura do goberno de coalición pola saída do BNG do mesmo, “moito terá que cambiar Cajoto se quere saír deste furado que el mesmo cavou”. Así, expresou o seu parecer tras a decisión do BNG.
“A situación na que queda o Concello de Foz, despois da ruptura do bipartito de esquerdas, é moi grave por varios motivos: primeiro, porque levamos 5 anos arrastrando unha parálise total dos proxectos importantes e porque os servizos son peores e máis caros desde que goberna Cajoto; segundo, porque temos un alcalde que se non foi capaz de aproveitar unha maioría peor, aínda, o terá en minoría cando é incapaz de escoitar a ninguén e está acostumado ao ‘ordeno e mando’”, sinala Javier Castiñeira.