Os socialistas alertan da “caída libre” no número de traballadores da Pesca da Mariña

TerraChaXa | AMariñaXa
A deputada socialista Patricia Otero alertou da “caída libre” no número de traballadores da Pesca na provincia de Lugo, que perdeu “tres ocupados cada mes durante catro anos”.
9 Feb 2019

A deputada socialista Patricia Otero alertou da “caída libre” no número de traballadores da Pesca na provincia de Lugo, que perdeu “tres ocupados cada mes durante catro anos”. A parlamentaria da Mariña presentou unha pregunta na Comisión de Pesca pola falla de iniciativas do goberno galego mentres os traballadores nos buques pesqueiros de Lugo pasaron de 1.589 a 1.422 entre 2013 e 2017.
A responsable socialista presentou os datos da enquisa Ocupesca, elaborada pola Consellería do Mar cada dous anos, en que reflicte unha situación dramática na súa última edición, de 2017, para unha provincia que aportou unha cuarta parte de toda a pesca galega no que vai de século. Advertiu que o “abandono” do goberno galego ao sector esténdese ao resto de Galicia, onde a poboación ocupada nos buques pasou de 23.800 profesionais en 2009 a 11.377 en 2017.
Otero lamentou o desleixo do goberno galego para reverter unha situación que se está a cebar cun dos principais motores económicos da Mariña, onde se atopan dous dos principais portos de Galicia, os de Burela e Celeiro, ademais de Ribadeo, Foz, San Cibrao e O Vicedo. Alerta dunha taxa de desemprego especialmente alta entre a xente moza, que “non ve o mar como unha opción de futuro”.
Esixiulle ao goberno galego que poña en marcha tódolos mecanismos dos que dispoña para impulsar o relevo xeracional no sector e “frear a perda de ocupación no sector pesqueiro”. Neste sentido, criticou que a Consellería se remita aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro –Galp-, que se teñen demostrado fracasados ata o punto de que “nin vostedes mesmos cren nun mecanismo aos que todas as confrarías teñen renunciado”.

0.18073081970215