Os sindicatos levarán aos tribunais o novo freo de Alcoa ao rearranque da planta de aluminio

AMariñaXa
Os representantes dos traballadores consideran unha “escusa” a xustificación da empresa e poñen en dúbida o cumprimento do acordo de viabilidade
vista-aerea-alcoa-san-cibrao
16 May 2025

Os sindicatos con representación no comité de empresa de Alcoa San Cibrao activaron os seus servizos xurídicos tras o anuncio da multinacional de paralizar o proceso de rearranque da planta de aluminio. A compañía, acompañada da súa socia enerxética Ignis, comunicou que non poderá cumprir cos prazos pactados no acordo de viabilidade, que marcaba como data límite o 1 de outubro de 2025 para a reactivación total das cubas de electrólise.

Segundo Alcoa, o motivo do atraso é un “caso de forza maior”: o apagamento eléctrico rexistrado o pasado 9 de abril a nivel estatal, que afectou gravemente as instalacións de San Cibrao. A interrupción no subministro provocou a solidificación do aluminio en 27 cubas, impedindo así continuar co proceso industrial.

Porén, os sindicatos cren que esta explicación responde a intereses económicos e cualifican a situación como “fraude”. José Antonio Zan, portavoz de CC.OO., foi contundente: “O apagamento é só unha escusa para non rearrancar a planta”.

O pleno do comité analizará esta cuestión a vindeira semana, pero os diferentes sindicatos xa puxeron en marcha os mecanismos legais para estudar posibles accións contra a empresa.

⚙ Configurar cookies
0.19158697128296