Os sindicatos esixen unha intervención inmediata da Xunta ante o “peche ilegal” en Sargadelos

As tres principais centrais sindicais —CIG, CCOO e UGT— solicitaron este luns unha reunión inmediata coas Consellarías de Emprego e de Cultura para abordar o que cualifican como un peche patronal totalmente irregular na fábrica de Sargadelos, en Cervo. A iniciativa partiu da CIG, que alerta de que non existe motivo legal algún que xustifique deixar o cadro de persoal sen actividade e fronte a un novo bloqueo do propietario, Segismundo García.
Desde a organización nacionalista, o secretario comarcal da CIG en Lugo-A Mariña, Lois Neto, considera que a situación é “unha chantaxe máis” dentro da deriva na que —di— o empresario leva anos instalando a compañía. “É intolerable que se lle permita actuar así, vulnerando de maneira flagrante toda a lexislación laboral”, sinala, ao tempo que reclama unha resposta inmediata das administracións para garantir o dereito ao traballo das empregadas e empregados, aos que novamente se lles impediu acceder á planta.
Neto tamén criticou as declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a quen acusa de actuar con total falta de dilixencia. Lémbralle que intervir “é simplemente exercer as competencias que xa ten o Goberno galego” e que o persoal continúa á espera de información oficial sobre os pasos que se van dar. A este respecto, o representante sindical advirte de que as medidas anunciadas pola Xunta non poden rematar en “acordos por detrás” cun empresario que, segundo denuncia, “leva anos desprezando a normativa laboral e os dereitos das traballadoras e traballadores”.
Ao clima de incerteza sumouse agora o impago das nóminas de novembro, que adoitan aboarse o último día laborable do mes. Segundo transcendeu a través de informacións publicadas en prensa, Segismundo García xustifica o atraso apelando á súa recente dimisión como CEO, que —afirma— lle impediría autorizar o pago dos salarios.
A CIG considera esta explicación unha maniobra intolerábel. “Resulta repugnante dimitir sen deixar asinadas as nóminas, condenando o persoal a un impago deliberado e indefinido”, denuncia Neto. Ao seu xuízo, o empresario está utilizando de novo ás traballadoras e traballadores como “reféns” na súa confrontación coa autoridade laboral e na súa insistencia en non cumprir a lei.
Ante este escenario, o responsable sindical defende que é necesaria unha solución estrutural que garanta a continuidade da fábrica de Cervo e o legado cultural que representa Sargadelos para Galicia. Por iso, reclama un plan de viabilidade a medio e longo prazo e non descarta que a Xunta teña que asumir un papel máis directo, incluso mediante unha intervención da empresa, se fose preciso para asegurar o emprego, manter a produción e protexer un símbolo histórico da creación galega.