Os sindicatos denuncian que Alcoa négase a contratar persoal
Os representantes dos tres sindicatos CCOO, CIG e UGT, denunciaron hoxe que a multinacional estadounidense está a "actuar de mala fe" xa que negase a contratar persoal para cubrir as baixas de incapacidade temporal e invalidez.
O representante de CCOO, Juan Pedro Eiras, dixo que o prezo do aluminio é “o máis baixo no histórico dos últimos 14 anos, cunha diferenza de cinco euros sobre o custo máis barato durante este período". E que "á sobrecapacidade mundial do aluminio", o outro argumento de Alcoa para pechar a electrólise, dixo que "en China a demanda vai en aumento e que se están abrindo plantas en Europa”, polo que non se entende que Alcoa presente un ERE con eses argumentos.
Pola súa banda, o voceiro da CIG, Xosé Paleo, quixo denunciar que "as causas do ERE non son as expostas no período de consultas e ofrecer máis feitos que demostran que os motivos reais nada teñen que ver cos alegados pola empresa; trátase dunha decisión corporativa desde Pittsburgh á que despois lle buscaron unha xustificación”.
“O obxectivo da mesa de negociación é buscar alternativas ao ERE, o que foi imposible, porque eles pretenderon desde o principio pechar a produción, quedar co mercado europeo e traer o aluminio de fóra”, indicou o Paleo.
Despois, o representante de UGT, Diego Ballesteros, denunciou que a raíz do laudo arbitral do 30 de outubro que validou as condicións da folga indefinida e negou a parada das cubas de electrólise, a multinacional tivo unha actitude“abusiva. E estanse a poñer en cuestión piares básicos como a seguridade e a saúde”, afirmou.
“Un dos argumentos utilizados na memoria explicativa é o baixo prezo do aluminio no mercado de Londres; no momento no que se presentou o despedimento colectivo era de 1.421 dólares a tonelada e prevían unha baixada a 1.360, cando agora está a 2.014. E eso foi a excusa que presentaron eles. E agora está a subir paulativamente e a empresa en ningún momento retomaron ou refixeron as súas contas ou tivo en conta esa tendencia e iso chámase mala fe".