Os senadores do PP instan ao Goberno a investir no mosteiro de San Salvador

AMariñaXa
Os populares cren que debería contribuír na rehabilitación deste elemento importante do patrimonio cultural
PP-de-Lourenzá-diante-a-entrada-ao-mosteiro-de-San-Salvador
14 Jan 2025

Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- preguntaron de forma oficial ao Goberno de España se tiña pensado investir no mosteiro de San Salvador de Lourenzá. A resposta, segundo trasladan os populares, é que non ten previsto investimento a través do Ministerio de Cultura e, paralelamente, facía pública a resolución da convocatoria de axudas correspondentes ao 2 % Cultural das que tamén queda fóra.

“A día de hoxe o compromiso de inversión por parte do Goberno de España con este mosteiro é de 0 euros” e, polo tanto, “o Grupo Popular defenderá no Senado unha iniciativa para pedir compromisos claros e orzamento para este obra. Ímoslle dar un mandato dende o Senado ao Goberno de España para que invista neste mosteiro”, incide o senador mariñán, José Manuel Balseiro.

Os senadores cren que o Goberno debería contribuír nalgunha medida á rehabilitación deste importante elemento do patrimonio cultural”; á vista de que “a Xunta de Galicia xa fixo varias actuacións no conxunto” como a remodelación da Casa do Concello no seu momento, da biblioteca do mosteiro ou, máis recentemente, da lanterna octogonal da igrexa.

FALTA DE PESO POLÍTICO E PASIVIDADE DO GOBERNO LOCAL

O senador mariñán considera que “a alcaldesa do PSOE e o senador socialista deberían pedir desculpas aos veciños e veciñas porque deron a entender que viría un investimento millonario para este mosteiro e o único que poden dicir no día de hoxe é que teñen 0 euros”.

Balseiro atribúe esta “falta de compromiso ao escaso peso político” dentro do seu propio partido que tamén goberna en España. Porque “o mosteiro de Lourenzá pode quedar fóra dunha convocatoria de axudas relacionadas co 2 % Cultural, pero o Goberno de España pode investir tamén a través doutro tipo de subvencións ou a través dun convenio”, indica.

O portavoz do PP de Lourenzá, Roberto Díaz, condenou pola súa parte a “pasividade” do goberno local ante a situación do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, un referente na comarca declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1974 e que ten a consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia na categoría de Monumento, e que constitúe o máximo expoñente histórico e cultural do municipio.

UNHA XOIA CUN GRAN DETERIORO

Trasladan os populares que o mosteiro de San Salvador é un dos monumentos máis importantes e representativos deste municipio da Mariña lucense e tamén un referente do barroco galego. A súa fachada, finalizada no século XVIII polo arquitecto Fernando de Casas Novoa, considérase precedente arquitectónico da fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago.

Foi fundado no século X polo conde Osorio Gutiérrez -tamén coñecido como Conde Santo, que se atopa enterrado nun sarcófago que se atopa na capela de Valdeflores da igrexa do mosteiro-. No século XII pasou de ser unha congregación familiar a depender da Orde Beneditina. A principios do século XVI, queda baixo a influencia de San Benito de Valladolid. No século XIX inicia a súa decadencia ata que entre 1910 e 1942 recobra a vida monástica da man dos monxes dependentes de Samos. Na actualidade acolle algunhas dependencias municipais e desde os anos 60 do século XX a edificación alberga tamén un interesante Museo de Arte Sacra.

Algunhas estancias do mosteiro, desafortunadamente, presentan gran deterioro. Isto non só está a impedir que sexan obxecto de visitas, senón que compromete a súa preservación de cara ao futuro, a pesar do seu importante valor como xoia do patrimonio histórico e cultural, ademais do relixioso.

0.17215299606323